Catro obras de teatro que reflexionan sobre a desigualdade de xénero no eido laboral, a historia de Galicia, as reivindicacións dos sectores laborais máis invisibilizados ou a bondade en tempos de degradación moral
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide pon en marcha unha nova edición do ciclo de Domingos de Teatro, orientado ao público adulto. As actuacións estenderanse do 10 de marzo ao 7 de abril, con catro funcións distintas.
O ciclo comezará o domingo 10 de marzo coa representación de A Nai a cargo de Amorodio Teatro. Dirixida por Marián Bañobre sobre un texto de Laura Porto, este espectáculo multidisciplinar emprega as ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen abandonar o sentido do humor. Protagonizada por Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Yaiza Queiruga, a obra segue os pasos de tres irmás e as súas fazañas axudando a medio milleiro de persoas durante o Holocausto.
Publicidade
O domingo 17 representarase O auto do Castromil. Correrá a cargo de Excéntricas
Producións. Escrita e dirixida por Quico Cadaval, a obra acontece nunha viaxe onírica en
autobús onde os viaxeiros e o condutor dormen mentres as maletas e a equipaxe se
amotinan, cobrando vida e repasando a historia de Galicia para combater a amnesia
sobre a mesma. Unha viaxe en transporte público pola “Galicia inconsciente”
protagonizada por Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez.
A terceira función, o 24 de marzo, será a da obra As que limpan da compañía A
Panadería. Trátase dunha sátira utópica inspirada na loita das camareiras de piso de hotel
polos seus dereitos laborais e sociais. A obra está escrita, dirixida e interpretada por Areta
Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
Publicidade
O 7 de abril, Malasombra Producións trae Testosterona, protagonizada por Camila
Bossa e Luís Iglesia, coa dirección e versión do texto de Xoque Carbajal. Nesta obra
teatral, o director dun importante medio de comunicación debe decidir quen o sucederá no
seu posto, elixindo entre un home e unha muller. O texto orixinal, da autora mexicana
Sabina Bernan, propón unha reflexión sobre a desigualdade laboral.
Todas as funcións terán lugar ás 19 horas do respectivo día no Centro Sociocultural Mingos de Pita. A entrada será gratuíta, e pecharase o acceso unha vez comece cada representación.
Comentários