Contará cas actuacións de Manolo do Atlético, o ilusionista Dani Polo, exhibicións deportivas, unha sesión de animación infantil e coa música do Dúo Punto Zero
Laura Moure/Silleda
A parroquia silledense de Cira celebra nos vindeiros días unha nova edición da súa Semana Cultural. O ciclo, que cumpre xa 43 anos, arranca o xoves 18 de novembro cunha actuación do monologuista estradense Manolo do Atlético, ás 20:30 horas.
O venres día 19, tócalle o turno á maxia, da man dun dos mellores magos do momento, Dani Polo, un xoven ilusionista natural de Melide, que ten gañados distintos certames de prestixio, e que participou no concurso Pura Magia de TVE. A cita será co espectáculo Unha parada máxica, para todos os públicos, tamén ás 20:30 horas.
O sábado chega co deporte e o público máis novo como protagonistas. Así, a veciñanza que vén participando nos cursos que se celebran na localidade ofrecerá de 17:00 a 18:00 horas unha exhibición de Pilates e Zumba, seguida dunha masterclass desta última modalidade deportiva.
A continuación o Centro Social de Cira encherase de alegría e diversión para o público máis novo, cunha sesión de animación, obradoiros de maquillaxe e xogos para os nenos e nenas, en horario de 18:00 a 20:00 horas.
A tradicional cena de confraternidade, que se viña celebrando cunha cea o sábado, pasa agora ao domingo a mediodía para pechar a edición da Semana Cultural. A cita será o domingo 21, ás 13:30 horas, cun xantar que estará amenizado polo Dúo Punto Zero.
As persoas que desexen asistir a cea, cun prezo de 25 euros (10 euros para nenos e nenas de 6 a 10 anos) poden retirar as entradas na taberna de Maruja González. O menú estará composto por entrantes, empanada, polbo, churrasco, viño, postre, café e chupito.
A cita está organizada pola Comisión de Festexos de Cira e a Concellería de Cultura. A Semana Cultural de Cira foi pioneira no rural de Silleda e a día de hoxe esta iniciativa é a máis veterana do municipio, con máis de catro décadas de traxectoria.
Comments