top of page

Antonio Presas pide medidas correctoras tras analizar sobre o terreo as obras no castro de Vilar

hace 12 minutos
3 min de lectura

O investigador e xeógrafo lalinense presenta un novo informe ante Patrimonio


Ecos da Comarca/Lalín

O investigador e xeógrafo lalinense Antonio Presas presentou onte un novo informe ante a Delegación de Patrimonio Cultural no que detalla as posibles afeccións das obras realizadas polo Concello de Lalín no denominado Camiño do Castro, en Vilar, na parroquia de Soutolongo. O documento rexistrado onte recolle as actuacións realizadas a finais de outubro e solicita que se adopten medidas para protexer e restaurar os elementos afectados do xacemento castrexo.


Segundo expón Presas, os traballos municipais comezaron o 28 de outubro na zona coñecida como a Revolta dos Prados da Ponte e chegaron á estrutura castrexa o día 30. Ese mesmo día, o investigador asegura que deu aviso ao SEPRONA da Garda Civil, que desprazou unha unidade ao lugar para levantar o correspondente atestado.

Tramo do "Camiño de O Castro" (Vilar), afectado polas obras de acondicionamento realizadas polo concello de Lalín, antes da chegada ao castro.  Foto 13-11-26.  Fonte: Antonio Presas.
Tramo do "Camiño de O Castro" (Vilar), afectado polas obras de acondicionamento realizadas polo concello de Lalín, antes da chegada ao castro. Foto 13-11-26. Fonte: Antonio Presas.

Presas xa remitira o 2 de novembro un escrito-denuncia a Patrimonio e, posteriormente, o 6 de novembro solicitou información sobre as autorizacións coas que contaba o Concello para intervir no castro de Vilar (GA36024034), así como sobre as posibles condicións impostas e o seguimento arqueolóxico das obras.


Advirte de movementos de terra e modificación do trazado

No novo informe, o investigador sostén que os traballos non se limitaron a unha limpeza ou desbroce da vexetación, "senón que implicaron movementos de terra, ensanche e nivelación do antigo camiño, ademais da apertura dun novo tramo polo foxo exterior do castro". En concreto, sinala que se actuou "sobre uns 205 metros do acceso desde a Revolta dos Prados da Ponte ata o foxo exterior". Tamén apunta que se talaron varios carballos para ampliar o paso.


Unha das cuestións que máis destaca "é a apertura dun tramo novo de aproximadamente 60 metros de lonxitude e tres metros de ancho polo foxo exterior do xacemento, cunha pendente media do 16%". Tamén denuncia que o antigo camiño que atravesaba o antecastro "foi ensanchado e nivelado, modificando parte do seu trazado orixinal e eliminando as antigas rodeiras dos carros".


Pola contra, indica que outro dos accesos, o que vai cara a Porto dos Carros, foi unicamente desbrozado, sen movementos de terra, polo que considera que non houbo afección ao xacemento nesa parte.


Un castro documentado desde 1936

O informe dedica unha parte importante a explicar o valor histórico e arqueolóxico do castro de Vilar, tamén coñecido como castro de Aquel Lado. Presas lembra que aparece documentado na bibliografía desde 1936 e que posteriormente foi estudado por diferentes investigadores.


Entre os traballos citados figura o de Xulio Carballo Arceo, que en 1989 describiu os seus recintos e sistemas defensivos, así como un estudo publicado no ano 2006 polo Seminario de Estudos de Deza, no que se realizou unha representación detallada da estrutura castrexa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Segundo explica, o asentamento ocupa un amplo meandro do río Asneiro e conta cun sistema defensivo no que destaca unha estrutura coñecida como A Quella, formada por un terraplén e un foxo exterior duns 225 metros de lonxitude.


Presas tamén lembra que no ano 2012 o Concello de Lalín executara unha alternativa para mellorar o camiño entre Vilar e Sestelo, desviando o trazado pola Revolta dos Prados da Ponte para evitar afectar ao castro.


Pide restaurar os danos e estudar alternativas

Nas conclusións, o investigador considera que as obras "tiveron consecuencias negativas sobre o xacemento", aínda que matiza que corresponde á Consellería de Cultura valorar o alcance real dos danos. Entre as cuestións que pon de manifesto "están a falta de consulta á maior parte dos propietarios afectados, o incumprimento dos acordos anteriores, os movementos de terra e a modificación do trazado, así como a suposta ausencia de autorizacións de Patrimonio e de control arqueolóxico".


Por iso, solicita que se teñan en conta as súas advertencias e que se apliquen as medidas correctoras necesarias, incluída a restauración dos danos que puideran producirse. Así mesmo, pide que se determine se o antigo camiño veciñal, aberto en 1920, debe desaparecer ou transformarse nunha senda peonil, pero non nunha pista para a circulación de vehículos agrícolas ou maquinaria.


O xeógrafo lalinense considera que existen outras alternativas para garantir os accesos e que a prioridade debe ser a conservación deste ben patrimonial. Tamén solicita que Patrimonio o manteña informado das actuacións que leve a cabo neste asunto.


NOTICIAS RELACIONADAS:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page