Vila de Cruces organizará tardes de contacontos e obradoiros creativos os venres de maio
- Laura Moure
- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Esta iniciativa forma parte do programa ‘Ler conta moito’ da Rede de Bibliotecas de Galicia da Xunta
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces programou os venres do mes de maio unha serie de actividades na Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas (rúa Castelao, s/n), no marco do programa ‘Ler conta moito’ da Rede de Bibliotecas de Galicia da Xunta de Galicia.
A primeira acción será o venres, 9 de maio, ás 16:30 horas. Celebrarase unha tarde de contos, con Patricia Martínez e os Contacontos Dada e Trasna. O trasgo Dada deleitará aos máis pequenos cun repertorio de contos marabillosos nos que se traballarán diferentes valores como a convivencia e a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo. Será unha divertida forma de fomentar o hábito lector entre a cativada a través destes contos máxicos.

O seguinte cita será o venres, 16 de maio, ás 16:30 horas. Haberá tarde de narración oral, coa Galiña Xosefina e o Grupo Tremola. Xosefina, unha galiña moi disposta, conta a súa historia nunha granxa, en compaña do resto de animais e de Pepe, o dono do lugar.
O venres, 23 de maio, será a quenda para unha tarde de obradoiro creativo, ás 16:30 horas. Sheila García dirixirá o taller de contos en construción. A rapazada poderá demostrar a súa creatividade construíndo casiñas a partir de diferentes materiais.
Xa o derradeiro venres do mes, o 30 de maio, celebrarase unha tarde de contos, ás 16:30 horas, con Andamiaxe e a historia ‘O lapis que non quería ir á escola’. É un espectáculo de contacontos no que se fomentarán valores entre os máis cativos que participarán activamente no conto.
Publicidade
‘Ler conta moito’ é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais. Así, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, como a Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Cruces, ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.
Publicidade
Con este programa preténdese fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación: fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais; consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; e valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de
coñecemento e de reflexión.
Comments