Vida Contralume converterá Agolada nun espazo de reflexión sobre os incendios e o territorio o día 2
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 min de lectura
Laura Moure/Agolada
Agolada acollerá o vindeiro 2 de agosto a xornada Vida Contralume, unha iniciativa que combinará arte, divulgación, música e debate arredor da problemática dos incendios forestais e da relación entre as persoas e o territorio.
PUBLICIDADE
A programación arrancará ás 16:30 horas con dous obradoiros simultáneos. Nas Cabalarizas celebrarase Trazos de borralla, un taller de pintura ao natural con tizóns impartido polo ilustrador de Berredo, Agolada, Ángel Ayude, acompañado de música en directo de Rico-Vidal. Á mesma hora, na Parra do Caldeireiro, desenvolverase o obradoiro Mans á terra: bombas de sementes e sementeiras, guiado pola educadora ambiental de Adega Itziar Díaz.
Xa ás 19:00 horas, o Auditorio de Agolada acollerá a proxección do documental Ladrones de fuego, dirixido por Francisco Vaquero. A entrada será gratuíta ata completar aforo.
PUBLICIDADE
A continuación, ás 20:15 horas, terá lugar unha mesa de diálogo na que participarán o fotógrafo Brais Lorenzo, o director do documental Francisco Vaquero, o biólogo Iván Orois, a pastora Hael Docampo, o investigador Serafín González e o enxeñeiro de montes Diego Vázquez, nun coloquio moderado por Tere Castiñeira.
Durante a xornada tamén poderá visitarse a exposición fotográfica Terra Queimada, de Brais Lorenzo, así como un mercado de vinagres do Ribeiro.
O peche da programación será ás 21:30 horas nos Pendellos, co concerto do grupo Escuchando Elefantes. Ademais, haberá servizo de cea a cargo do Estudio Gastronómico Mojar e cantina de Agolada Viva.
Con esta proposta, Agolada busca promover unha reflexión colectiva sobre os incendios forestais, a conservación da paisaxe e a importancia de coidar o medio natural a través da cultura, a creación artística e o diálogo. Cabe mencionar que a parroquia agoladesa do Sexo viviu un tráxico incendio o 15 de agosto do ano pasado, un lume que se estendeu ás parroquias de Baíña, Val ou Berredo.









Comentarios