Veciñanza de Palas coloca pancartas para esixir unha farmacia de garda as 24 horas
- ecosdacomarca

- 25 jul
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Palas de Rei
Como xa informamos en ECOS DA COMARCA hai máis dun mes hai unha polémica aberta na comarca da Ulloa pola reorganización das gardas farmacéuticas, que está a provocar queixas entre a veciñanza de Palas de Rei. O principal motivo é que o municipio deixou de contar cunha farmacia de garda presencial as 24 horas, obrigando en determinadas franxas nocturnas a desprazarse ata Monterroso para recoller medicación urxente.
PUBLICIDADE
Ante isto a veciñanza impulsou unha recollida de miles de sinaturas para reclamar que unha das dúas farmacias de Palas de Rei permaneza de garda durante as 24 horas do día. As sinaturas foron remitidas ao Concello, á Consellería de Sanidade e ao Colexio Oficial de Farmacéuticos de Galicia.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
A veciñanza denuncia que a nova organización das gardas, derivada da aplicación da normativa sobre rotación e presenza física do persoal farmacéutico, dificulta o acceso aos medicamentos durante a noite, especialmente para persoas maiores, con mobilidade reducida ou sen vehículo propio. Algúns afectados explican que, cando necesitan medicación de urxencia durante a madrugada, deben desprazarse uns dez quilómetros ata Monterroso, chegando incluso a recorrer ao taxi.
PUBLICIDADE
Isto afecta a toda a comarca da Ulloa, xa que o PAC de Palas de Rei presta asistencia sanitaria durante as 24 horas, pero os usuarios poden atoparse sen unha farmacia aberta no propio municipio para retirar a medicación prescrita de urxencia.

Dende as propias farmacias sinalan que elas están facendo o que dicta a lei e dende o Colexio decidiron ampliar o horario diúrno, pero é unha decisión que á veciñanza non convence de todo. "Agora puxemos pancartas nos ocos que nos permitiu o Concello e a maiores mandouse un escrito á Consellería de Sanidade e outro ao Colexio de Farmacéuticos pedindo que se están aplicando a lei de 2019 que o fagan ben porque non hai farmacéuticos sempre nin no horario diúrno e moito menos no nocturno", recalca a veciñanza. Nas pancartas pode lerse: "Na comarca, farmacias 24 h todo o ano", "Farmacias 24 horas, 365 días, si o fan os médicos, tamén so farmacéuticos", "Medicamentos sen horarios" ou "Se temos PAC, farmacias 24 horas".









Comentarios