A Plataforma pola Defensa da Apertura das Farmacias de Palas desvincúlase de calquera partido político
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Plataforma pola Defensa da Apertura das Farmacias de Palas reivindica a súa independencia política e critica a xornada levada a cabo a pasada semana polo BNG nesta localidade. (Noticia: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-aborda-en-palas-de-rei-a-situaci%C3%B3n-das-farmacias-de-garda-e-o-deterioro-da-sanidade-p%C3%BAblica) "Con con respecto a noticia do BNG, como sabedes levamos a Plataforma Veciñal de Palas collendo firmas sen axuda de ningún partido político desde xaneiro. Recollemos firmas, enviamos escritos ao Colexio de Farmacéuticos, á Consellería de Sanidade e tamén ao Defensor do Pobo sen a colaboración do BNG e lamentamos que agora queiran aproveitarse do traballo feito pola veciñanza", sinala a plataforma. "Para gañar as eleccións hai que traballar polo pobo, non aproveitarse do que fan os cidadáns", engade.

Por iso decidiron trasladar un manifesto:
MANIFESTO DE NEUTRALIDADE E INDEPENDENCIA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DA APERTURA DAS FARMACIAS
"A Plataforma pola Defensa da Apertura das Farmacias, integrada por veciños e veciñas de Palas de Rei e da súa contorna, reunida para a defensa dun servizo farmacéutico continuo, accesible e conforme á normativa vixente,
MANIFESTA:
1. Que esta Plataforma nace como iniciativa cidadá independente, sen vinculación nin dependencia de ningún partido político, organización, agrupación electoral ou entidade de carácter partidario.
2. Que a súa actividade se centra exclusivamente na defensa dos dereitos asistenciais da veciñanza, en particular no relativo ao acceso ao servizo farmacéutico en horario ordinario e en réxime de garda, conforme á normativa estatal e autonómica aplicable, como a Lei 16/1997 e a Lei 5/1999.
PUBLICIDADE
3. Que a Plataforma non participa, promove nin apoia actos, campañas, eventos ou actividades vinculadas a procesos electorais, nin permite o uso do seu nome, imaxe ou accións para fins partidarios.
4. Que calquera intento de atribuírlle á Plataforma unha orientación política, ideolóxica ou partidaria é falso, non representa a realidade nin responde ao espírito co que foi creada.
5. Que todas as comunicacións, escritos, alegacións e accións públicas da Plataforma teñen carácter estritamente reivindicativo e veciñal, orientadas á mellora dun servizo esencial e á defensa do interese público.
6. Que a Plataforma mantén un compromiso firme coa transparencia, a pluralidade e o respecto institucional, garantindo que todas as súas actuacións se desenvolven desde a independencia e a responsabilidade cidadá.
PUBLICIDADE
Así mesmo, a Plataforma pola Defensa da Apertura das Farmacias manifesta:
Que a modificación das gardas farmacéuticas en Palas de Rei foi solicitada polas propias oficinas de farmacia desta vila, segundo consta na comunicación oficial remitida polo Valedor do Pobo, e que a Plataforma continuará vixiante para garantir que o servizo se preste en condicións de continuidade e accesibilidade".
Resposta do BNG
"O BNG de Palas de Rei respecta a independencia da Plataforma e recoñece o traballo que está a desenvolver desde xaneiro. Pero ese recoñecemento non obriga a aceptar insinuacións de que o BNG pretende apropiarse del. A defensa das farmacias de garda e da sanidade pública é unha causa colectiva, non patrimonio exclusivo de ninguén. O BNG organizou unha xornada para denunciar unha situación que afecta a toda a veciñanza e para reclamar solucións. Iso é facer política —da que se ocupa dos problemas da xente—, non aproveitarse do traballo alleo. A veciñanza leva meses traballando e merece todo o noso respecto. Pero tamén merece que as organizacións políticas leven as súas demandas ás institucións e ao debate público. Confundir esa responsabilidade cun interese electoral é inxusto e non contribúe a resolver o problema", conclúe o Bloque.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Veciñanza de Palas coloca pancartas para esixir unha farmacia de garda as 24 horas: https://www.ecosdacomarca.com/post/veci%C3%B1anza-de-palas-coloca-pancartas-para-esixir-unha-farmacia-de-garda-as-24-horas
Convocan unha concentración en Palas o 22 de agosto para reclamar farmacias 24 horas os 365 días: https://www.ecosdacomarca.com/post/convocan-unha-concentraci%C3%B3n-en-palas-o-22-de-agosto-para-reclamar-farmacias-24-horas-os-365-d%C3%ADas









Comentarios