Veciñanza de Agolada pide ao Concello a acollida de menores migrantes de Ceuta
- ecosdacomarca

- hace 29 minutos
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
Veciñanza do concello de Agolada presentou unha solicitude formal dirixida ao alcalde do municipio, Óscar Val, na que se propón que o Concello se ofreza publicamente para acoller a nenos e nenas migrantes procedentes de Ceuta. A proposta expón que a acollida se realice en función dos recursos e a capacidade da administración local.

Os promotores da iniciativa argumentan que as administracións locais non poden quedar de perfil ante a grave situación humanitaria que viven os menores estranxeiros non acompañados. O escrito subliña que estes nenos e nenas se atopan nunha situación de extrema vulnerabilidade e desamparo, polo que a súa protección integral debe estar por riba de calquera debate político ou territorial.
PUBLICIDADE
Como precedente directo, o texto lembra a resposta que o propio Concello de Agolada tivo durante a crise dos refuxiados provocada pola guerra de Ucraína, momento no que o municipio demostrou a súa madurez institucional e o seu profundo espírito solidario.
Ademais dos motivos sociais, a solicitude fundaméntase en criterios estritamente legais. O texto remitido á Alcaldía sinala que a acollida cumpre co establecido na Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor —que sitúa o interese superior do menor como eixe vertebrador de calquera actuación pública—, así como coa Convención sobre os Dereitos do Neno da ONU, que obriga ás institucións a garantir a asistencia a calquera menor de idade con independencia da súa orixe ou situación administrativa.
PUBLICIDADE
Coa presentación deste escrito, búscase que o Concello de Agolada dea un paso adiante e formalice un ofrecemento institucional ante as administracións competentes, garantindo o espazo, a escolarización e o pleno benestar dos menores que poidan ser atendidos no termo municipal.








Comentarios