Veciñanza da Rúa da Ponte de Lalín demanda que se limpe o regato e as fincas colindantes
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín

Veciños e veciñas da rúa da Ponte, na zona onde se atopa a Oficina Agraria de Lalín, levan tempo denunciando a situación de abandono dun regato e das fincas colindantes, que se atopan sen limpar e cubertas de maleza, xerando graves problemas de salubridade e seguridade.
Segundo explican os afectados, a zona converteuse nunha auténtica “selva”, con vexetación descontrolada e augas estancadas que provocan a proliferación de mosquitos durante o verán, impedíndolles mesmo abrir as fiestras das súas vivendas. A isto súmanse humidades nas casas e episodios de inundacións cada vez que chove con intensidade.
“Pagamos os impostos como calquera cidadán, pero aquí ninguén nos fai caso. Levamos moito tempo con este problema e o Concello non quere buscar unha solución”, denuncia unha veciña da zona.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA


Ante a falta de resposta municipal, os residentes presentaron un escrito ante Augas de Galicia para aclarar quen tiña a competencia sobre a limpeza do regato. "A resposta do organismo autonómico foi clara: ao tratarse dunha zona urbanizable, a responsabilidade corresponde ao Concello de Lalín", sinala esta veciña.
Publicidade
Porén, segundo os veciños, os intentos de contactar con técnicos municipais rematan sen solución, con chamadas que mesmo son interrompidas sen ofrecer explicacións nin alternativas. “Estamos enfadados porque isto xa pasa de castaño escuro. Vivimos rodeados de maleza, con riscos para a saúde e para as nosas casas, e ninguén fai nada”, lamentan.
Publicidade
Os afectados reclaman unha actuación urxente por parte do Concello para a limpeza do regato e das parcelas, co fin de evitar máis danos, mellorar as condicións de vida da veciñanza e previr futuras inundacións.








Comentarios