top of page

Veciños de Sesto e Brocos acusan á Xunta e ao PP de Agolada "de abandonalo" en canto ás parcelarias

Afirman que a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, na reunión deste luns con veciños, "deu datos falsos sobre a actividade agrarias nas parroquias"


Ecos da Comarca/Agolada

Os veciños e veciñas das parroquias agoladesas de Brocos e Sesto séntense "abandonados" pola Xunta e polo PP local ao non estar estas parroquias incluídas nos novos procesos de reestruturación parcelaria que anunciaron este luns que se van acometer en Agolada. “Consideramos moi necesario acometer estes procesos para o desenvolvemento das nosas aldeas co obxecto de rematar co despoboamento e o abandono ao que nos someten os nosos gobernantes”.

A parroquia de Brocos. Autor: Ecos da Comarca.

A veciñanza non comparte o criterio que se utilizou para desbotar a estas parroquias neste

anuncio feito pola Xunta en Agolada. Acusan á directora xeral de Medio Rural de expoñer

“datos falsos” para apoiar a negativa da Xunta a facer as concentracións nestas dúas parroquias. "Inés Santé dixo na reunión que Sesto e Brocos quedaban excluídas deste proceso por non contar con case actividade agraria", algo co que non están de acordo. Os veciños e veciñas desbotan este argumento "falso, xa que en Sesto e Brocos existen bastantes máis explotacións agrarias das que dixo a directora xeral. De feito a realidade multiplica por cinco en cada unha das dúas parroquias os datos que manexa Medio Rural".


A veciñanza de Sesto e Brocos considera “fundamental” acometer estas infraestruturas nas

nestas parroquias, igual que no resto das do municipio que veu anunciar a directora xeral de Medio Rural. "Igualmente que non entenderíamos que nalgunha das que se lles anunciou a boa nova quedase ao marxe por ter que facer as nosas concentracións, non entendemos por que se nos discrimina deste xeito. Lembramos que nestas zonas existe un desexo manifesto de toda a veciñanza a prol da realización da reestruturación parcelaria. No seu momento asinaron a solicitude o 100% das explotacións agrarias existentes e o 98% da veciñanza das parroquias. Con tal unanimidade na reclamación de que se nos faga a parcelaria non deberían existir escusas para non acometelas e deixarnos á marxe do proceso".

Tamén sinalan que "nos sentimos moi defraudados coa actitude do alcalde de Agolada polo feito de non asistir a esta xuntanza cos representantes da Xunta de Galicia co que nos deixou tamén totalmente desamparados. O que nos demostra que son todos iguais e apenas mostran interese polos problemas reais da poboación".



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page