A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático insta "a deixalos traballar sen presións"
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lembrou este martes no pleno do Parlamento "que son os técnicos da Xunta os que determinan se proxectos industriais como o que Greenfiber (Altri) quere desenvolver en Palas de Rei son viables ou non". Por iso, instou "a deixalos traballar sen inxerencias externas nin presións políticas".
A responsable autonómica defendeu "o labor escrupuloso, rigoroso e exhaustivo que realizan os profesionais do Executivo galego que están a avaliar a posibilidade de implantar esta fábrica de fibras téxtiles en Galicia, que son os que ditaminarán se cumpre os requisitos medioambientais exixidos pola normativa vixente".

Neste sentido, incidiu en que este tipo de iniciativas "teñen que superar un procedemento totalmente garantista, regrado por lei, que recolle os trámites a realizar e os informes que son necesarios". De feito, a conselleira remarcou que a viabilidade desta factoría "dependerá única e exclusivamente dos resultados dos informes técnicos e do trámite de avaliación ambiental".
Por iso, Ángeles Vázquez insta aos partidos da oposición "a pensar máis no futuro de Galicia deixando de difundir falsidades en relación con este proxecto e poñer fin aos intentos de desacreditar aos técnicos que se encargan de avalialo pois en Galicia unicamente se implantarán iniciativas industriais que garantan a protección ambiental".
Nesta liña, sinala que "cómpre lembrar que a factoría que se pretende instalar en Palas de Rei está aliñada coas estratexias que apoia a Unión Europea a prol da economía circular así como co obxectivo de minimizar o impacto da produción téxtil". Por iso, Ángeles Vázquez lamenta "os cambios de opinión mostrados por algúns partidos simplemente co interese de sacar un rédito político e sen importarlles que iso supoña boicotear o desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma".
Responsabilidade
A conselleira asegurou que "a Xunta vai seguir sendo responsable, apoiando o labor rigoroso e imparcial dos técnicos, e velando polo interese xeral, que unicamente busca mellorar o benestar e as condicións de vida das galegas e galegos". Por iso, mostrouse convencida de que "é posible garantir a compatibilidade entre a protección do medio ambiente e a economía, apostando pola xeración de emprego e de riqueza pero sempre cumprindo coa lexislación vixente".
A maiores, no marco do compromiso do Goberno galego co cumprimento dos obxectivos ambientais da Unión Europea, Ángeles Vázquez lembrou que "Galicia é a comunidade na que máis se reduciron as emisións contaminantes (preto do 60%), por enriba incluso dos obxectivos".
Comments