E solicita que estas instalacións alberguen un centro de día
Ecos da Comarca/Rodeiro
Unidade por Rodeiro levará ao vindeiro pleno unha moción para que a Xunta financie a IV Fase do Edificio Polivalente previa modificación do proxecto no que se reflexe a inclusión do centro de día.

Cando Unidade por Rodeiro, tal e como sinala, lle preguntou ao goberno cal ía ser a finalidade do Edificio Polivalente, asegura que "Pablo Sobrado dixo que, cando este estivera finalizado xa se lle establecería a súa función. Isto é surrealista, nun concello onde faltan numerosos servizos públicos e onde outros están en situación de abandono como poden ser as pistas, o goberno inviste centos de miles de euros sen saber para que", sinala.
Unidade por Rodeiro si que o ten claro, recalca. "Unha planta debería estar destinada para un centro de día e a outra para oficinas, espazo social para asociacións, sala de exposicións -museo e na zona do museo actual poderíase integrar na biblioteca e o PAI consideramos que debería integrarse nunha aula do CPI de Rodeiro. Esta é unha proposta que está a debate na plataforma veciñal Unidade por Rodeiro, poden caber outras, pero o que non se pode é investir recursos públicos sen saber cal vai ser o uso".
Máis grave, apunta, " é que o goberno local vaia destinar 200.000 euros do Plan Concellos na IV Fase deste edificio cando con estes fondo se poderían ter investido en servizos básicos para o rural, cando o lóxico e que este tipo de edificios relacionados coa atención social os financie a Xunta de Galicia, isto é o que acontece coa maioría de centros de día que se constrúen en Galicia".
Por todo o exposto propón para a previa deliberación e votación, que o Pleno do Concello de Rodeiro adopte o seguinte:
ACORDO
1º.- Instar ao goberno a destinar os 200.000 euros do Plan Concellos 2023 á mellora de pistas rurais.
2º.- Instar ao goberno municipal a modificar o “Proxecto técnico básico e de execución da obra de “CONSTRUCIÓN DUN EDIFICIO POLIVALENTE DE USO ASISTENCIAL – FASE IV”” para neste se poda albergar un centro de día.
3º.- Instar a Xunta de Galicia a que financie, unha vez modificado, o proxecto técnico básico e de execución da obra de “CONSTRUCIÓN DUN EDIFICIO POLIVALENTE DE USO ASISTENCIAL – FASE IV”
Comentários