Unhas 80.000 persoas abarrotaron Compostela na manifestación contra Altri
- ecosdacomarca

- hace 9 horas
- 5 Min. de lectura
Marta Gontá: “Altri non se vai instalar na nosa terra, defenderémola ao prezo que sexa”
Ecos da Comarca/Xeral
Miles de persoas volveron colapsar onte, domingo 14 de decembro, Santiago debido á manifestación contra Altri convocada pola Plataforma Ulloa Viva (PUV), a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino. A
que foi a segunda gran manifestación nacional convocadas contra Altri en Santiago volveu conseguir encher o Obradoiro, 80.000 persoas e 19 meses de mobilizacións despois. Na cabeceira da manifestación voceiras das tres plataformas demandaron, en declaracións aos medios de comunicación, o “peche definitivo” por parte da Xunta de Galicia da tramitación dos seus 2 “proxectos estratéxicos”, Altri e a reapertura da Mina de Touro-O Pino.
A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá destacou en declaracións aos medios que “volvemos a Santiago coa mesma determinación e co mesmo obxectivo que o fixemos o ano pasado: que Altri non se instale na nosa terra”. Segundo explicou Gontá os motivos da protesta “son sinxelos e de sentido común”.
Afirmou que “queremos manter a calidade de vida que temos” e criticou que Altri- Smarttia (propietaria do 95% de Greenalia) “o que nos ofrecen son 8.754 quilos de gases contaminantes ao día que enfermarían a poboación”. Lembrou a voceira de Ulloa Viva que hai informes do Consello da Cultura Galega (CCG) que así o avalan e recordou que a macrocelulosa suporía tamén “a contaminación do Ulla cunha vertedura de 60 toneladas de sulfatos ao día, expropiación da terra e regalarlle inxentes cantidades de auga doce e de terra fértil para que está industria poda arrancar as raíces dos nosos montes a demanda mentres un deserto verde de monocultivo nos arrasa”.

Advertiu Gontá que “queren sacarlle os bens e recursos aos nosos fillos para entregarllos a unha empresa privada que só busca beneficios a conta do que faga falta. Por iso a voceira de Ulloa Viva deixou claro que “Altri non se vai instalar na nosa terra, defenderémola ao prezo que sexa” e advertiu que “os responsables do sufrimento da poboación e da escala que tome este conflito están na Xunta de Galicia”. Tamén engadiu que Rueda, María Jesús Lorenzana e Ánxeles Vázquez “son responsables do noso sufrimento e non están cumprindo coa súa obriga de mirar polos intereses da cidadanía” polo que os instou a “deixar o posto a outros membros do PP que sexan capaces de facelo”.
Plataforma en Defensa da Ría de Arousa
O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, desde a Alameda de Compostela, destacou o “novo éxito” da convocatoria e apostou pola importancia de “seguir tecendo redes entre os movementos sociais para conseguir
unha tensión mobilizadora e transversal do conxunto da sociedade galega para
opoñernos a este intento por parte da Xunta de impoñernos un modelo produtivo
que non queremos”. Sinalou Rubido que este modelo que a Xunta está implantando
no país “esnaquiza o noso tecido socioeconómico -tanto o agrogandeiro como o do
mar- e tamén afecta seriamente ao turismo” como no caso do Camiño de Santiago.
“Estamos nun momento crucial”, advertiu o presidente da PDRA, un momento no que “a aposta de Altri e da Xunta de Galicia é esperar un cambio de goberno no Estado español para obter as axudas que ata agora non foron quen de conseguir”. Lembrou Rubido que “como o proxecto de Altri é un proxecto que naceu da man de Feijóo, Altri e Xunta queren recuperar os apoios dun goberno da man de Feijóo e de Vox”.
“Esa é a aposta de Altri e a Xunta”, explicou Xaquín Rubido e destacou que “neste novo escenario a Xunta de Galicia encabezada por Rueda opta por poñerse en segundo plano e aparentar que non teñen nada que ver co proxecto, que depende da empresa”. O presidente da PDRA alertou de que “na realidade seguen coa mesma liña de actuación, van alegar á planificación eléctrica e van estar botando unha man a Altri en todo o que precise como fixeron ata agora”. Por tanto, concluíu o presidente da PDRA que “non podemos fiarnos, temos que seguir facendo presión hai que manter a mobilización ata conseguir que Altri e a Mina de Touro-O Pino estean nun caixón, no lixo”.
Publicidade
Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino
Pola súa banda Che Cancelo, voceira da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, dixo aos medios que “o rio Ulla é a arteria mais importante do corazón de Galiza, unha arteria fundamental para os nosos sectores produtivos da terra e do mar”. Lembrou Cancelo que “sen comida e sen auga non hai vida” e demandou “poñer no centro a vida das persoas”.
Criticou a voceira da plataforma veciñal contra a Mina de Touro-O Pino que “o goberno de Rueda pon no centro os intereses de empresas depredadoras e contaminantes” e lembrou que “o señor Rueda da subvencións a empresas con DIA negativa e que aínda non teñen a autorización ambiental como Cobre San Rafael, e eu non sei se iso será legal”, dixo. Che Cancelo afirmou que si nestes momentos nin Altri nin a Mina de Touro-O Pino están funcionando “é grazas a todas as veciñas e a toda a cidadanía de Galiza que sae á rúa a dicir que non queremos ser terra de sacrificio”. Cancelo concluíu que “necesitamos o Ulla, necesitamos a Ría, e non imos parar ata conseguilo, porque niso nos vai o noso modo de vida”.
Manifesto e música nun Obradoiro ateigado
Na Praza do Obradoiro, no centro máis dun cento de persoas con paraugas decorados con follas e ramallos de carballos e castiñeiros formaron un monte galego de especies autóctonas. No escenario, Xurxo Souto foi animando e recibindo a chegada de todos os manifestantes. A música a puxeron as regueifeiras de Vila de Cruces e Sés xunto con Sabela Galbán puxeron a tremer a praza interpretando “Tempestades de Sal”, un himno que corearon as miles de persoas presentes na praza.
Na lectura do manifesto participaron mulleres das tres plataformas convocantes. Azucena Souto, veciña de Palas de Rei; María Porto, presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril e Olaya Barral pola Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino. “As persoas que aquí estamos seguimos a crer que desde a Ulloa até a ría, Terra, auga e aire son vida! Por iso exiximos que teñen que arquivar de inmediato e rexeitar o proxecto de Altri, que é unha industria de enclave e que atenta directamente aos nosos intereses como pobo”.
Publicidade
“Dicímoslle SI ás chousas, ós soutos, ás fragas, ós magostos, ás ameixas, ós mexillóns, á lamprea, ao salmón. Dicímoslle SI a seguir dignificando o noso modo de vida, o agro, a gandeiría, o marisqueo, as bateas, o turismo do Camiño de Santiago, a nosa riqueza ecolóxica, a nosa paisaxe e o noso territorio. Queremos a vida que estamos construíndo, pola que traballamos e loitamos cada día. Non imos deixar que outros nos digan o que é bo para nós. Esixímoslles o respecto que merecemos como persoas e como comunidade. Esixímosllelo”.
Dirixíndose á Xunta de Galicia afirmaron que “sabemos que os responsables últimos das políticas industriais neste país son vostedes. De vostedes depende denegar a autorización ambiental integrada e de vostedes depende defender os nosos recursos hídricos, denegando a concesión da auga”. Advertiron que “non están á venta nin a nosa auga, nin o noso territorio nin a nosa saúde. Fronte á avaricia dunha empresa extractivista que pretende arrasar a nosa vida, a vida que nos deixaron nosas avoas, queremos deixar claro que Galicia non é terra de sacrificio: é fogar, é memoria, é futuro e un territorio harmónico. Arrincando os nosos bosques déixannos sen raíces. Escóitennos ben: non o imos permitir! Non se pode arrancar a dignidade dun pobo vivo!”. E remataron dicindo “Por nós, polas nosas fillas e polos que aínda non naceron, pola memoria do que fomos e pola esperanza do que queremos ser. Polas que somos e polas que virán, ALTRI NON-FÓRA XA!!!”.
NOS VINDEIROS DÍAS SACAREMOS VÍDEO DA MANIFESTACIÓN.








Comentarios