top of page

Unha manifestación nacional percorrerá A Illa o 14 de xuño “Pola Defensa do Ulla e da Ría de Arousa”

Ecos da Comarca/Xeral

Os presidentes da Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, anunciaron hoxe en Carril en rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación nacional o vindeiro 14 de xuño na Illa de Arousa, desde a praia do Vao até o Porto de Xufre. Baixo o lema “Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a Mina de Touro-O Pino”, as tres plataformas convidaron a toda a cidadanía a mobilizarse contra estes dous proxectos industriais contaminantes que a Xunta de Galicia sigue a tramitar e que ameazan ao río Ulla e á Ría de Arousa.

O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, lembrou que está en marcha unha campaña de recollida de sinaturas “Re-matemos nós con Altri e a Mina de Touro-O Pino” e volveu exixir á Xunta de Galicia a denegación do proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. Sánchez afirmou que Altri “minte desde o primeiro día e sigue mentindo” coas alegacións que vén de presentar contra o anuncio do arquivo do proxecto por parte da Xunta de Galicia. “Chegaron dicindo que non ían investir onde non os queren, pois ben imos dicirlles unha vez máis que non os queremos”.


O presidente de Ulloa Viva calificou como “un descaro” que Greenfiber (promotora do proxecto formada por Altri e Smarttia) pida publicamente “lealdade” á Xunta de Galicia, e reclamou do goberno galego “que dunha vez por todas sexan leais coa cidadanía que leva anos dicindo masivamente que non queren unha macrocelulosa”. Sánchez animou á cidadanía a “encher A Illa de Arousa” o vindeiro 14 de xuño e amosouse convencido de que a mobilización social “é a que ten contra as cordas” este proxecto e de que “gañará a vida”.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Mina de Touro-O Pino

A voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, referiuse á resente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a respecto da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa ao proxecto de Cobre San Rafael no 2017. Cancelo asegurou que a anulación desa DIA é “só porque fixeron mal os trámites” e exixiu á Xunta de Galicia “que faga agora ben os trámites e manteña a DIA negativa ao anterior proxecto e tamén ao actual, porque son os dous o mesmo”.


Diante dos anuncios feitos pola conselleira de Economía no Parlamento sobre novos dereitos mineiros, Che Cancelo lamentou que son “unha realidade tráxica” no caso da Mina de Touro-O Pino. Desde a Plataforma Veciñal aseguran que “digan o que digan dende a Xunta de Galicia ou calquera ámbito xudicial, a actividade mineira de Cobre San Rafael implica un risco moi grave para os veciños de Touro-O Pino e todos os concellos afectados”.


“Quérennos impor unha herdanza envelenada”, criticou Cancelo, ao tempo que lembrou que foi a Xunta de Galicia a que no primeiro proxecto da mina considerou unha “afección real” derivada da actividade mineira e advertiu do “incremento da presión hídrica” da bacia do río Ulla. “Estes riscos continúan plenamente vixentes”, afirmou Cancelo.


Desde a Plataforma Veciñal aseguran que o conflito da Mina de Touro–O Pino “é un conflito ambiental, territorial e social que sigue máis vivo ca nunca” e chaman á poboación galega a manifestarse na Illa de Arousa o 14 de xuño .”para parar estes proxectos que se retroalimentan, Re- matando co río Ulla e con elo a ría de Arousa”. Por iso, Cancelo lembrou que “aquí estamos xuntos para facerlles fronte e paralos. Xa paramos a mina no 2021 e imos volver a parala”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, lamentou que co “estado de emerxencia que xa teñen agora mesmo os sectores

produtivos nesta Ría, teñamos que seguir defendéndonos da Xunta de Galicia e das

ameazas de empresas espoliadoras”. Porén Rubido asegurou que “farémolo unha vez máis, todos xuntos na Illa de Arousa volveremos defender o Ulla e a Ría de Arousa”.


Rubido criticou que “o abandono da Xunta de Galicia a esta Ría xa está a traer dano abondo aos sectores produtivos da zona” e salientou que “temos un goberno que non só se nega a sanear as nosas rías senón que as pon máis en perigo indo de ganchete con proxectos industriais no Ulla que só traerán máis contaminación”. O presidente da PDRA cualificou como “impresentable” o “maltrato institucional sistemático” co que o goberno de Rueda está a tramitar os proxectos de Altri e Cobre San Rafael e reclamou “a denegación definitiva dos dous proxectos”.


“Imos seguir exercendo toda a presión da que sexamos capaces para impedir que Altri e a Mina de Touro-O Pino se instalen no territorio”, avisou Rubido, que convidou a toda a cidadanía a “manifestarse a pé de praia, coas mariscadoras e o sector do mar, porque todos xuntos estamos demostrando que a forza do pobo pode parar as agresións da política e dos intereses dos cartos”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page