top of page

Unha das certificadoras do Prestige, aval de Altri para o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei

Ulloa Viva e PDRA critican que “non é un informe independente nin ten validez técnica”


Ecos da Comarca/A Ulloa

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, logo de coñecer polos medios de comunicación unha información de Greenfiber sobre un suposto informe independente que avalaría que o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei “cumpre” co principio DNSH (“Do No Significant Harm” ou “Non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente”) consideran “unha provocación que para chegar a este informe a empresa contratara precisamente a unha das certificadoras que avalou que o

Prestige podía navegar de maneira segura ata 2006”.


As dúas plataformas sinalan que o feito de que a empresa “chame informe de validación independente a un informe encargado e pagado por ela mesma, é unha broma de mal gusto”. Ulloa Viva e a PDRA queren deixar claro á vista da información a respecto que “o informe non é independente e ademais ten unha evidente carga de propaganda e de presión sobre a Xunta de Galicia co obxectivo de acelerar a Autorización Ambiental Integrada (AAI)”. Para as dúas plataformas o único claro a respecto deste informe é que “non ten validez técnica”, e lembran que até o de agora “o único informe independente sobre o Proxecto Gama foi o emitido polo Consello da Cultura Galega, e o que di é bastante claro”.

Ulloa Viva e a PDRA lembran que “está acontecendo o mesmo que pasou coa consultora Afry na tramitación da celulosa”. A mesma empresa que nun informe no ano 2019 no proceso xudicial polo traslado de Ence da Ría de Pontevedra “vía inviable unha celulosa en calquera río de Galicia, na tramitación de Altri validaba a instalación dunha macrocelulosa na Ulloa”.


Diante desta “insistencia irracional” da empresa por instalar en Palas de Rei unha macrocelulosa “que non queremos, nin pedimos, nin precisamos e que só viría para facernos vivir peor”. Ulloa Viva e a PDRA instan á Xunta de Galicia a “protexer aos

miles de galegas e galegos que saíron ás rúas de todo o país ata en seis ocasións

para dicir Altri Non e pedir a denegación do proxecto por parte do goberno galego”.


“Informe delirante”

A Plataforma Ulloa Viva e a PDRA consideran “delirante” que Altri aporte agora un informe supostamente independente “absolutamente falso” en aspectos como a conservación dos recursos hídricos. Critican ademais o último comunicado de Greenfiber está “cheo de contradicións e afirmacións sen rigor”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde as plataformas sinalan que “é unha tomadura de pelo que unha empresa que di no seu proxecto que quere 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros e que diariamente vai verter 30 millóns de litros de auga ao Ulla a 27 graos e con 63 toneladas de químicos, insista na mentira da eficiencia hídrica”. As dúas plataformas lembran que “as contas non saen, o saldo neto son 16 millóns de litros de auga diarios menos, se poña como se poña o informe de Altri”.


Tamén fala Greenfiber do aval deste informe á “protección da biodiversidade e dos

ecosistemas”. Ulloa Viva e a PDRA lembran á empresa e á certificadora que hai unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena ao goberno galego por non protexer debidamente a zona de amortecemento da ZEC Serra do Careón onde Altri pretende implantarse, unha sentencia que obriga á Xunta a protexer este espazo e que “ten que facer decaer a DIA positiva e a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico concedidas pola Xunta ao Proxecto Gama”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

As plataformas consideran tamén “unha broma de mal gusto” que Greenfiber inclúa neste informe encargado e pagado o apartado de “Prevención e control da contaminación”, encargado a unha certificadora que fixo “a mesma validación positiva” no caso do Prestige.


Diante disto, Ulloa viva e a PDRA lembran que “as competencias están na Xunta de Galicia, é Rueda quen ten a responsabilidade e tamén a memoria histórica para evitar repetir erros do pasado. Non queremos outro Prestige, e é posible evitalo”, sinalan. Lembran que “a sociedade galega xa falou, tanto veciñanza como comunidade técnica. A pregunta é que vai facer agora o goberno da Xunta: quere escalar o conflito ata empurrar á cidadanía a situacións de confrontación directa?”. Desde Ulloa viva e a PDRA conclúen que “Galicia non aceptará nunca máis un atentado desta dimensión contra o seu territorio nin contra o seu mar”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page