top of page

Unha cadea humana advirte que Altri e a Mina de Touro- O Pino “seguen adiante cos seus proxectos”

Tanto Altri como Cobre San Rafael “están buscando cartos e aval público en Bruxelas”


Ecos da Comarca/Xeral

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma Mina de Touro-O Pino Non convocou este domingo a centos de persoas para unha andaina e unha cadea humana no encoro de Portodemouros. A convocatoria alertou de que os proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e da reapertura da Mina de Touro-O Pino “seguen adiante”, apoiadas ademais pola Xunta da Galiza. A convocatoria alertou que esta mesma semana coñecemos polas propias empresas que Altri está a tramitar fondos públicos para o seu Proxecto Gama en Bruxelas, e Cobre San Rafael pretende que as autoridades comunitarias declaren “estratéxica” a súa explotación en Touro-O Pino.


Diante desta situación, o presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez e a voceira da Plataforma Mina de Touro-O Pino NON, Che Cancelas, advertiron de que “temos máis motivos ca nunca para saír ás rúas e loitar contra estes dous espolios que Altri e Cobre San Rafael, co apoio da Xunta de Galicia, queren instalar no noso país”. Lembraron que para a Xunta “xa son proxectos estratéxicos” -o de Altri desde decembro de 2022 e a reapertura da Mina de Touro desde xuño de 2024-, e arroupados por centos de persoas na cadea humana formada onte en Portodemouros chamaron a “redobrar os esforzos da veciñanza para que dunha vez por todas Altri e Cobre San Rafael desistan dos seus proxectos de espolio e contaminación”.

Parte da cadea humana de onte. Autor: Ecos da Comarca.
Parte da cadea humana de onte. Autor: Ecos da Comarca.

O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, enmarcou dentro dunha “estratexia de marketing” o anuncio de Greenfiber sobre a concesión do Selo Step da Comisión Europea á macrocelulosa que proxectan en Palas de Rei. “Non van a recibir fondos, nin o Estado español no PERTE da descarbonización nin a UE consideran que unha macrocelulosa no corazón de Galicia mereza ser ademais subvencionada”. De todos modos, advertiu Sánchez que estes pasos que Altri está a dar en Bruxelas “teñen que facernos máis fortes, as veciñas e os veciños non podemos pensar que xa gañamos, que Altri e a Xunta desistiron do proxecto, segue vivo, seguen buscando financiamento e volverán topar coa oposición social que levan colleitado nos últimos dous anos”.


Segundo Ulloa Viva, tanto a cadea humana de onte en Portodemouros como a manifestación nacional convocada para o vindeiro 14 de decembro en Compostela “teñen que ser de novo maioritarias e contundentes” para demandar dunha vez por todas “rematar co proxecto de Altri”. Explicou que logo dos “non” que Altri ten recibido do Estado español e da UE á concesión de fondos públicos “o seu anuncio de Step máis ben parece un novo Stop” a unha macrocelulosa no corazón de Galicia.


Ulloa Viva chamou a “toda a masa social galega que leva máis de dous anos manifestándose con nós contra Altri” a seguir adiante na loita contra un proxecto depredador “que quere facernos vivir peor”. Advertiu o presidente da Plataforma que

“Altri e a Xunta queren que pensemos que non pasa nada, que durmamos tranquilos, pero o certo é que eles seguen adiante co seu plan”. Por iso desde Ulloa Viva chamaron a “duplicar esforzos e manternos ben espertos, porque o que nos estamos a xogar é o noso modo de vida e o futuro das nosas fillas e fillos”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Cadea humana “en defensa do Ulla”

Centos de persoas participaron ontewh na “cadea humana en defensa do río Ulla”. Un

grupo de manifestantes saíron ás 11:30 horas da Fervenza das Hortas (Dombodán, Arzúa) e outro da Capela de San Ramón/ San Salvador (Vila de Cruces) para toparse a mediodía na presa do encoro de Portodemouros, onde formaron unha cadea humana ao berro de “pola auga e pola vida, nin Altri nin Mina”.


As dúas plataformas convocaron a toda a veciñanza das comarcas afectadas por ambos proxectos industriais -declarados “Estratéxicos” pola Xunta de Galicia- e advertiron que de desenvolverse “afectarían á biodiversidade, contaminaría máis as augas do río Ulla até a Ría de Arousa, o aire e as terras próximas, e impulsarían en Galicia a eucaliptización e a depredación dos nosos recursos, xerando perigosos residuos”, sinalaron na lectura do manifesto os presidentes de Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino NON.


Ambas plataformas sinalalaron que Altri e a Mina de Touro-O Pino “son unha moi perigosa ameaza que afecta ao corazón de Galicia”, a toda a conca do Ulla -a segunda máis longa do país-, a todos os lugares, parroquias e concellos bañados polo río e ás actividades socioeconómicas das zonas, tanto agrogandeiras como a actividade pesqueira e marisqueira da Ría de Arousa, a de maior produción marisqueira de Galicia, España e Europa. Diante destas “ameazas a toda Galicia, á nosa economía, medio ambiente, benestar e saúde da poboación”, Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino NON fixeron un chamamento á participación na manifestación convocada en Compostela o vindeiro 14 de decembro en contra dos proxectos industriais “que dúas empresas apoiadas pola Xunta de Galicia pretenden impoñer á forza no noso territorio”. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO.

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page