Un mozo emprende no rural e abre en Touro un centro de adestramento personalizado para todas as idades
- Laura Moure
- 7 jun
- 1 Min. de lectura
Hoxe, sábado 7 de xuño, realizará unha xornada de portas abertas todo o día que finalizará cunha festa de inauguración na que haberá pinchos a partir das 20:30 horas
Laura Moure/Touro
A partir de onte, venres, Touro conta cun novo espazo dedicado á saúde e ao benestar: MattStrength, un centro de adestramento individualizado que abre as súas portas no antigo restaurante O Pardo, no centro da vila. Detrás desta iniciativa está Matthew, un mozo que leva pouco máis dun ano vivindo en Touro e que decidiu dar o paso de emprender no rural apostando por un modelo de adestramento diferente, profesional e accesible.

O proxecto sae adiante co obxectivo de contribuír á saúde e ao dinamismo local. MattStrength non é un ximnasio tradicional, senón un espazo onde cada persoa conta cun plan de adestramento personalizado e o acompañamento dun profesional que corrixe a técnica dos exercicios, garantindo seguridade e eficacia. O obxectivo principal é a mellora da saúde, o envellecemento activo e a optimización da composición corporal, con adestramentos adaptados a todas as idades e niveis físicos.
Con esta apertura, Matthew non só achega un novo servizo ao municipio, senón que ofrece unha alternativa profesional, próxima e innovadora para o coidado da saúde no propio centro de Touro.
Publicidade
As persoas interesadas poden achegarse ao local dende este venres para coñecer o espazo, resolver dúbidas e formalizar a súa inscrición. Hoxe mesmo, sábado 7 de xuño, realizarase unha xornada de portas abertas todo o día que finalizará cunha festa de inauguración na que haberá pinchos a partir das 20:30 horas.
Comments