Un lume calcina por completo un tractor no municipio de Santiso
- ecosdacomarca
- 9 may 2022
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Santiso

A última hora da tarde de hoxe, entre as oito e as nove aproximadamente, orixinouse un incendio nun tractor no municipio de Santiso. O dono do vehículo, veciño de Ponte Arcediago, estaba fresando nunha leira situada entre os lugares de Chaín e Talín.
"Levaba sobre unha hora e media traballando e de repente, vin que botaba fume e despois xa vin que ardía por baixo", indica o afectado. Inmediatamente, decidiu saír co vehículo da leira na que estaba traballando para evitar danos maiores porque preto había árbores. "Saín co tractor para a estrada, deume tempo a coller a documentación e xa me baixei", engade.
O lume calcinou por completo o vehículo e provocou unha gran fumareda negra que se vía incluso, dende o concello veciño de Agolada.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Arzúa e axentes da Garda Civil. Por sorte, non houbo que lamentar danos persoais.
Comments