Un incendio afecta a dúas vivendas na parroquia agoladesa de Val de Sangorza
- ecosdacomarca

- 4 sept 2022
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 4 sept 2022
Ecos da Comarca/Agolada
Pasados uns minutos das 20:30 horas deste sábado o 112 Galicia era alertado por un incendio no lugar de Vilameá, na parroquia agoladesa de Val de Sangorza. O lume comezou nunha casa e acabou afectando á colindante. A enorme fumareda xa se vía dende a entrada da parroquia.

Na vivenda na que se orixinou o lume vive un matrimonio con dúas fillas menores e un fillo adolescente e, segundo os primeiros datos, víronse afectadas sobre todo, as habitacións dos menores, pero hai que agardar aos vindeiros días para valorar realmente os danos.
No momento do incendio atopábanse na cociña o matrimonio e as dúas rapazas, que foron precisamente estas as que se percataron de que había lume. Inmediatamente, os veciños mobilizáronse para axudar a combater as lapas. Sen embargo, pese ao esforzo, e por desgraza, acabou afectando tamén á vivenda colindante, que aínda que os seus propietarios non a teñen como casa habitual, si que se trata dunha vivenda familiar a que volven asiduadamente, tal e como comentou a ECOS DA COMARCA unha das persoas afectadas deste inmoble.
No lugar seguen traballando neste momento (ás 23:30 horas) os bombeiros de Deza, Protección Civil de Lalín e Protección Civil de Agolada. Tamén está no sitio, axentes da Garda Civil e Urxencias Sanitarias e ademais desprazouse un axente ambiental.

Así mesmo, estivo presente o alcalde do municipio, Luis Calvo, que lamenta esta situación e que mostrou todo o apoio ás familias afectadas e adianta que o Concello prestará a súa axuda.
Así mesmo, os afectados sentiron o apoio e cariño dos veciños e sobre todo, ante estas traxedias, o consolo que queda é que non haxa que lamentar vítimas.
ACTUALIZACIÓN (Domingo, 9:30 horas)
O 112 Galicia informou esta mañá "que arderon parcialmente as dúas vivendas habitadas, posiblemente, un enchufe puido ser a causa da orixe do lume, que se propagou con inmediatez ás cortinas dunha das estancias dunha das vivendas afectadas".







Comentarios