top of page

Un estudo sobre a planta endémica Centaurea gallaecica evidencia a afección de Altri sobre especies protexidas

Ecos da Comarca/Xeral

Os investigadores Iván Orois Longarela, de Arzúa, e Martiño-Fiz López Lindoso, ambos colaboradores da organización ecoloxista ADEGA, veñen de publicar na revista Micolulus (número 12 – ano 2025) un artigo no que actualizan a distribución e caracterización do hábitat de Centaurea gallaecicaunha planta vascular endémica de Galiza. Centaurea gallaecica é unha especie exclusiva das rochas ultrabásicas do centro do país, cunha distribución coñecida que se estende desde Teixeiro (Curtis) ata Cira (Silleda). A súa principal área de presenza localízase nas rochas serpentínicas da contorna de Melide, unha zona actualmente ameazada polo proxecto de instalación dunha fábrica de celulosa da multinacional Altri.

O traballo de investigación revisa a bibliografía existente e as citacións históricas da especie, e logra duplicar a súa área de distribución coñecida. En termos de cuadrículas UTM de 10x10 km, pásase de 6 a 12 cuadrículas, mentres que a escala máis detallada de 1x1 km supón un avance aínda maior, ao incrementarse de 17 a 111 cuadrículas con presenza confirmada da especie. Ademais, o estudo inclúe unha caracterización do hábitat no que se desenvolve Centaurea gallaecica e establece o seu rango altitudinal coñecido entre os 144 e os 751 metros sobre o nivel do mar.


 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Esta planta atópase incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable. Esta protección implica a obriga de adoptar medidas correctoras no caso de que proxectos con impacto ambiental resulten compatibles tras un Estudo de Impacto Ambiental (EIA). Porén, os autores lembran que un EIA tamén pode, e debe declarar incompatible unha actuación cando esta afecta de maneira directa á área central de distribución dunha especie ameazada.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Segundo os criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a perda ou recesión constatada da área de distribución de Centaurea gallaecica podería provocar o seu paso da categoría de Vulnerable (VU) á de En Perigo (EN), o que implica o aumento do risco de extinción por unha actividade económica evitable e que non precisa localizarse na área de ocupación desta especie endémica.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Os autores do estudo queren poñer de manifesto a importancia da conservación da biodiversidade, especialmente no caso de especies escasas ou ameazadas, nun contexto de crecente presión ambiental e cambio climático. Só a través do coñecemento rigoroso do territorio e das súas especies é posible valorar e protexer axeitadamente xoias naturais únicas como Centaurea gallaecica, patrimonio natural do centro de Galiza.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page