Un coche choca contra un pino en Vila de Cruces e precipítase a uns 20 metros
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Esta madrugada produciuse un aparatoso accidente de tráfico na parroquia cruceña de Añobre. Saldouse cunha persoa ferida.

O suceso ocorreu na estrada que une as parroquias de Añobre e Camanzo ás 6:30 horas, tal e como informa Protección Civil de Vila de Cruces. "O coche a causa da folla caída estes días saíuse da estrada chocando contra un pino e caendo a uns 20 metros polo monte", explica Protección Civil.
Ademais, informa que "como consecuencia do impacto, o condutor e único ocupante, tivo que ser sacado polos Bombeiros de Silleda. Presentaba un forte golpe no costado esquerdo e foi trasladado polo 061 ao hospital clínico de Santiago. A Garda Civil de Tráfico levantou atestado".
Desde o 112 coordinouse a acción dos diferentes servizos de emerxencias: Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ao seu persoal a bordo dunha ambulancia, os Bombeiros de Silleda, o GES de Lalín, a Garda Civil de Tráfico e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vila de Cruces.








Comentarios