Un camión envorca en Lalín e obriga a cortar a N-640
Ecos da Comarca/Lalín
Un accidente de tráfico rexistrado esta tarde en Lalín obrigou a cortar por completo a estrada N-640, ao seu paso pola parroquia da Veiga, no quilómetro 160 aproximadamente.

Foi un particular quen alertou ao 112 Galicia ás 16:10 horas, indicando que un camión cisterna que transportaba leite acababa de envorcar, obstaculizando por completo a circulación na vía.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia mobilizáronse os Bombeiros de Silleda, o GES de Lalín, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil.
Publicidade
Unha vez no punto, os servizos de emerxencia confirmaron que a vía permanecía totalmente cortada, polo que se habilitou un desvío alternativo para garantir a seguridade e a fluidez do tráfico.
Inicialmente, o condutor do vehículo non presentaba lesións, pero, co paso do tempo, comezou a queixarse de dores, polo que tamén foi activado o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para a súa atención.
Publicidade
Segundo a última información recibida no 112 Galicia, arredor das 20:40 horas quedou restablecida a circulación na vía.









Comentarios