Ulloa Viva pediulle a Besteiro un “non” do Estado a financiar a macrocelulosa de Altri
- ecosdacomarca

- 25 sept 2024
- 2 Min. de lectura
Marta Gontá, Zeltia Laya e Mónica Cea reuníronse onte no Parlamento co líder dos socialistas galegos
Laura Moure/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva reuniuse onte pola tarde no Parlamento galego co secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro. En resposta a unha petición de encontro que a plataforma lle remitiu fai meses por carta, Besteiro fixou finalmente para este martes este encontro, ao que acudiron Marta Gontá, Zeltia Laya e Mónica Cea. Expresáronlle ao líder dos socialistas galegos a petición en nome dos veciños e veciñas que integran Ulloa Viva, de que “traballe para que o goberno do Estado diga non ao financiamento que Altri solicita de fondos europeos”.
Neste senso Besteiro comprometeuse coa plataforma a “axilizar” os encontros solicitados e pendentes cos Ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, competentes ambos na adxudicación dos fondos europeos do PERTE da descarbonización ao que pretende concorrer a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Segundo trasladou Besteiro neste encontro ás representantes da Plataforma, ao PSdeG “non lle gusta o proxecto” da macrocelulosa e “non lle ven cabida para recibir fondos europeos”. Tamén lles falou Besteiro do traballo do PSdeG para “saber até que punto a Xunta está disposta a financiar” este proxecto con fondos propios.
O secretario xeral do PSdeG comprometeuse coa Plataforma Ulloa Viva a manter
“un contacto fluído” arredor destes temas e procurar tamén interlocución con Madrid para coñecer das novidades que podan xurdir a respecto. Ulloa Viva explicoulle a Besteiro “o malestar e a preocupación” da veciñanza das comarcas da Ulloa, Deza, Terras de Melide e Arzúa polos “efectos perxudiciais para o noso futuro, o da nosa terra, o noso territorio e o dos nosos fillos e fillas” diante de informes técnicos tan “demoledores” coma o recentemente presentado polo Consello da Cultura Galega.
Publicidade
Dende Ulloa Viva explicaron ademais a Besteiro que o proxecto de Altri en Palas de Rei “compite polos mesmos recursos que usan os nosos gandeiros e agricultores, e a nosa prioridade é comer e seguir producindo alimentos de calidade”. Tamén lle deixaron claro o “problema” que suporía no corazón de Galicia a previsible “eucaliptización” que provocaría a macrocelulosa, “dos eucaliptos non se come, nós temos soberanía alimentaria e un sistema socioeconómico que nos permite vivir ben, e non imos deixar que acaben con iso”.







Comentarios