top of page

Ulloa Viva, PDRA e APDR lembran: “Non somos terra de sacrificio”

Marta Gontá, Xaquín Rubido e Antón Masa chamaron nun acto en Ourense a participar masivamente na manifestación do vindeiro 14 de decembro en Compostela


Ecos da Comarca/A Ulloa

O colectivo Ourense Vivo da Plataforma Ulloa Viva organizou onte en Ourense un acto informativo e de debate aberto coa voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, o voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido e o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa. Analizaron os proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e o da reapertura da Mina de Touro-O Pino e os seus efectos sobre o río Ulla e a Ría de Arousa, co exemplo do acontecido coa celulosa de Ence en Lourizán.


Os tres voceiros anunciaron que o pobo galego continuará a loitar contra estes proxectos industriais extractivistas e nocivos porque “non somos terra de sacrificio”, polo que defenderon que “nin Altri na Ulloa, nin Ence na Ría, nin ruína de Arousa”.


A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, repasou os máis de tres anos de loita da veciñanza da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa -as comarcas directamente afectadas pola macrocelulosa- contra o proxecto de Altri-Smarttia (propietaria do 95% de Greenalia). Na súa intervención explicou o que significaron para a Plataforma os apoios recibidos durante estes anos, “primeiro o da cidadanía que respondeu con máis de 27.000 alegacións en contra deste proxecto”.

ree

Mencionou ademais Gontá “ás organizacións que nos axudaron de maneiras moi diversas, conseguindo que máis de 100.000 persoas berraran alto e claro en Compostela Altri Non”, e tamén se acordou das “voces discordantes do PP que tamén sufriron moito nesta loita e que están a dar a batalla internamente”, e desexou que “oxalá consigan que o seu partido volva ao sentido común”.


A voceira de Ulloa Viva relatou en Ourense “as dificultades ás que a Plataforma se tivo que enfrontar desde o comezo”, polas “trabas administrativas, ou polo “maltrato” de Altri e da Xunta. Criticou Gontá que “no canto dun goberno que protexe aos seus gobernados, topamos cunha administración que entendía que tiña que protexer antes a unha multinacional portuguesa que á veciñanza galega”. Todo ese “sufrimento ao que está sometida a veciñanza”, dixo Gontá, derivou nunha “gran carga emocional” que as veciñas “temos que xestionar soas”.


Á marxe de todas estas “dificultades”, a voceira de Ulloa Viva asegurou que “seguimos loitando” porque “está en xogo o futuro das nosas fillas". Segundo explicou Marta Gontá “non contemplamos outra opción que non sexa que Altri abandone o Proxecto Gama” e que “Rueda, en nome da Xunta de Galicia, pida perdón polo que nos fixo á cidadanía” e por “usar a administración pública a favor dos beneficios privados dunha multinacional portuguesa a conta de roubarlle a saúde, a terra e a auga ás nosas fillas”. Concluíu Gontá que “as haberá futuro para as nosas fillas mal que lle pese"; e fixo un chamamento para “volver encher Compostela este 14 de decembro e cantas veces faga falta para botar esta peste da nosa terra”.


A “estocada final” á Ría de Arousa

O voceiro da PDRA, Xaquín Rubido, explicou en Ourense “o escuro e indigno proceso” da tramitación do proxecto de Altri e a implicación da sociedade público- privada Impulsa -na que a Xunta tiña un 48% e que foi fulminada polo goberno de Rueda o pasado mes de agosto. Lembrou Rubido que “hai moita información que debería ser pública e que a Xunta nos está ocultando”, como o memorandum asinado no 2021 entre Altri e Impulsa “que a Xunta oculta” á veciñanza, aos partidos políticos, ao Parlamento e até á Valedora do Pobo.


Na PDRA a loita contra a macrocelulosa de Altri ten sido estes anos unha constante, conscientes o sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa da “estocada final” que o proxecto suporía para a produción da que é “a ría máis importante de Galicia, España e Europa, e un potente motor da nosa economía”. Incidiu Rubido nos “problemas de produción” que a Ría de Arousa está xa a sufrir por mor do cambio climático, a contaminación e o saneamento “que a Xunta do PP négalle ás nosas rías”.


No caso de Altri, o río Ulla ao que a macrocelulosa pretende verter 30 millóns de litros de auga diarios con 62 toneladas de compostos químicos, 60 toneladas diarias de sulfatos, 0,4 toneladas diarias de nitróxeno e outras 0,1 toneladas diarias de fósforo formarían un “cóctel mortal” de 22.300 toneladas de verteduras anuais de Altri ao Ulla, un río que abastece desde a Ulloa até a Ría de Arousa a 11 concellos e máis de 145.000 habitantes.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Rubido referiuse a Altri e á Mina de Touro-O Pino para asegurar que o uso e contaminación da auga do río Ulla que ambos proxectos provocarían terían un “efecto devastador” na produción marisqueira xa mermada na Arousa. “A menos caudal menos dilución da contaminación”, lembrou Rubido, que explicou tamén que a contaminación vertida ao río Ulla en Palas ou en Touro “tarda entre 18 e 24 horas en chegar á Ría de Arousa”.


O “mal” exemplo de Ence en Pontevedra

O presidente da APDR, Antón Masa, dixo en Ourense que a loita contra a presenza de Ence na Ría de Pontevedra e a loita contra a instalación de Altri na comarca da Ulloa “son partes inseparábeis dunha única loita”. Dixo Masa que desde que comezou o conflito arredor do proxecto da macrocelulosa o lema “Nin Ence na Ría nin Altri na Ulloa, Celulosas fóra” tense convertido nun “berro conxunto” da cidadanía galega.


Antón Masa destacou a “importancia que ten coñecer como chegou a celulosa Ence á Ría de Pontevedra e cales foron os efectos da súa presenza en Lourizán sobre o medio ambiente, os recursos naturais, a economía da comarca e a saúde e a calidade de vida das persoas que vivimos nela”. Con este “mal exemplo”, dixo Masa, pódese entender “a necesidade de botar todos os esforzos necesarios para evitar que a situación se reproduza na comarca da Ulloa coa chegada de Altri”.


Durante a súa intervención, o presidente da APDR lembrou como nos anos 70 e 80, “nos que houbo numerosos intentos por instalar novas celulosas na Galiza”, foi precisamente a experiencia vivida en Pontevedra con Ence “fundamental para conseguir un rexeitamento masivo en todos e cada un dos lugares onde se pretenderon instalar”.


No caso actual con Altri, Masa afirmou que na APDR “estamos convencidas de que tamén agora este coñecemento do que supuxo a chegada de Ence á nosa Ría, será unha importante para impedir a instalación de Altri”, un obxectivo ao que Antón Masa asegurou que “non imos renunciar”, e avanzou que “insistiremos no papel fundamental da mobilización social para conseguir este obxectivo común”. Unha mobilización social que ten unha importante cita o vindeiro 14 de decembro en Compostela.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page