top of page

Ulloa Viva insiste nos “non” a Altri na planificación eléctrica e pide “manter os criterios técnicos”

hace 15 horas
4 min de lectura

A plataforma esixe á Xunta a denegación "do proxecto “tóxico” de Altri segundo din os seus propios técnicos"


Ecos da Comarca/A Ulloa

A Plataforma Ulloa Viva analiza con “preocupación” o feito de que a planificación eléctrica 2025-2030 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) non está aínda aprobada e os posibles efectos nesta planificación do resultado das eleccións xerais convocadas para o vindeiro 29 de novembro. Diante desta situación, a Plataforma Ulloa Viva sigue exixindo á Xunta de Galicia a denegación definitiva do proxecto Gama. “Xa advertimos que o arquivo anunciado polo goberno de Rueda non nos sirve, sobre todo un arquivo baseado na falta de conexión eléctrica, porque somos conscientes de que un cambio de goberno pode activar de novo Altri”.


Neste contexto, Ulloa Viva sigue traballando e loitando contra a macrocelulosa, “e seguiremos saíndo ás rúas e traballando a nivel legal para que a Xunta denegue o proxecto definitivamente, non nos vale nada que non sexa enterrar Altri”. Lembra a Plataforma que a Altri e a Xunta veñen de recibir o mes pasado o segundo “non” do

Goberno español á conexión eléctrica demandada pola macrocelulosa. “A Plataforma Ulloa Viva exixe que así siga sendo, que se manteña o criterio dos técnicos de Madrid que avalaron a negativa á subestación Belesar-Mesón do Vento”.

Tamén lembra Ulloa Viva que sobre a finca de Quintas, onde Altri proxecta a macrocelulosa, pesa unha sentencia firme do TSXG que obriga á Xunta a protexer eses terreos, e "desde a Plataforma seguiremos loitando con toda a nosa forza para que así sexa". “Todas as batallas que a sociedade galega foi gañando nesta loita non poden depender dunhas eleccións o vindeiro 29 de novembro”.


Proxecto “tóxico”

Ademais a Plataforma Ulloa Viva vén de estudar polo miúdo o informe elaborado polo Servizo de Planificación da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico Técnico, da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, feito público grazas á Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, no que os técnicos da Xunta falan tamén do impacto de Altri na Ría de Arousa sinalando literalmente as “sinerxias” que xeraría a reapertura da Mina de Touro coa “das distintas actividades que xeran procesos tóxicos coma o proxecto Greenfiber_Altri_Gama, propostas nas zonas lindeiras”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Este informe, apunta, "está en poder da Consellería do Mar desde fai ano e medio -segundo as datas que se sinalan no propio informe o encargo foi realizado en febreiro de 2025 e a súa entrega á Xunta no mes de marzo dese ano-, e estaba sendo elaborado ao mesmo tempo que a mesma Consellería do Mar asinaba favorablemente seu informe para a Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Xunta deu á macrocelulosa de Altri en marzo de 2025". A existencia deste informe e a súa ocultación -xa que foi entregado polos técnicos á Consellería do Mar en marzo de 2025 segundo sinala o propio informe- supón que a Plataforma Ulloa Viva está a valorar a posibilidade de exixir responsabilidades políticas e legais a respecto.


Tramitación escurantista

A Plataforma Ulloa Viva considera ademais “moi sospeitoso e incongruente” o feito de que a mesma Dirección Xeral da Consellería do Mar que en febreiro de 2025 “despachou con medio folio a súa validación ao proxecto de Altri” no expediente da DIA positiva concedido pola Xunta á macrocelulosa en marzo de 2025, “sexa agora o mesmo departamento e os mesmos técnicos que aluden ás sinerxias negativas do proxecto de Cobre San Rafael con Altri”. Destaca a Plataforma que “non queremos pensar que haxa en algún caixón da Consellería do Mar un informe a respecto e que non foi incorporado ao expediente da DIA, pero advirte Ulloa Viva que “pediremos explicacións tamén á conselleira sobre isto”.


Diante destes “feitos gravísimos”, desde a Plataforma Ulloa Viva “exiximos que a Xunta de Galicia denegue definitivamente o proxecto e atenda ás advertencias dos seus propios técnicos”. No mesmo informe, e tamén literalmente, os técnicos afirman que “habería que evitar todos os riscos posibles de actividades novas coma as propostas co proxecto de Altri”. Desde a Plataforma Ulloa Viva consideran “inxustificable” que tendo estes datos aportados polos propios técnicos, o goberno galego seguira adiante coa tramitación da macrocelulosa de Altri, concedera unha DIA positiva e argumente agora “problemas de conexión eléctrica” para simplemente arquivar un proxecto que, segundo advirte este informe, empregaría “procesos tóxicos”.


“As veciñas e os veciños levamos catro anos loitando contra a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, advertindo segundo nos dicían os expertos dos efectos negativos da contaminación na auga, na terra e no ar, e os efectos tóxicos na nosa saúde e na saúde das nosas fillas e fillos”. Durante todo este tempo “tivemos enfronte a unha empresa mentireira e a unha Xunta de Galicia que defendía á empresa en vez de defender á xente. Agora, sabendo da existencia deste informe agochado pola Xunta desde fai un ano e medio temos claro que sabían que tiñamos e temos razón, e que poñen en risco as nosas vidas, o noso territorio e o noso futuro a pesares de coñecer as advertencias dos seus propios técnicos”.


As tres plataformas, advirten desde Ulloa Viva, “imos seguir xuntas e loitando contra estes proxectos espoliadores do noso territorio e o noso mar aínda con máis forza porque até os técnicos da Xunta nos dan a razón e exiximos tamén que os informes técnicos que denegaron por dúas veces a subestación eléctrica a Altri incluídos na planificación do Miteco 2025-2030 non muden o 29N".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page