Ulloa Viva inicia unha campaña alertando sobre o estado do río Ulla e o encoro de Portodemouros
“No río Ulla non hai caudal abondo para diluír as 60 toneladas diarias de sulfatos que Altri recoñece que vertería”, sinala a plataforma
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva vén de poñer en marcha unha campaña en redes sociais con imaxes recentes -de finais de setembro- do río Ulla á súa chegada ao encoro de Portodemouros, entre os concellos de Santiso e Agolada, de onde o proxecto da macrocelulosa de Altri quere captar 46 millóns de litros de auga ao día durante os vindeiros 75 anos. As imaxes da cola do encoro amosan a alarmante falta de auga e o elevado grao de eutrofización que xa sofren Ulla e encoro na actualidade, e que ven repetíndose durante os últimos anos.

No vídeo divulgativo https://www.facebook.com/share/r/1CSPJbT23q/ a Plataforma Ulloa Viva amosa o estado do Ulla chegando ao encoro de Portodemouros na ponte de Agra, que separa os concellos de Agolada e Santiso. “Desde a Plataforma Ulloa Viva levamos anos decíndolle á Xunta e á empresa que non é posíbel, que o río Ulla non pode soportar o espolio dunha macrocelulosa en Palas de Rei”.
Ademais Ulloa Viva lembra que “a empresa fixo trampa” e no seu proxecto “usou caudais medios mensuais en lugar de diarios”. O que amosan as imaxes reais do río nesta zona é que “debido ao cambio climático, o estiaxe estase a estender no tempo, e amplíase máis alá de setembro. Vemos como o Ulla chega a Portodemouros case sen auga e cunha alarmante eutrofización”.
PUBLICIDADE
Advirten tamén desde a Plataforma que “as veciñas e veciños sabemos desta realidade coa que convivimos ano a ano”, e por iso “advertimos á Xunta de Galicia e dixémoslle a Altri que non pode ser, que o Ulla non ten auga para que eles fagan celulosa, e que o Ulla non pode soportar a contaminación que Altri recoñece que pode causar, que non hai caudal abondo para diluír 60 toneladas de sulfatos ao día vertidos por Altri, e que todos eses contaminantes rematarían co Ulla e de paso coa Ría de Arousa”.
De feito, sinala que o río Ulla foi declarado en situación de seca prolongada o pasado mes de setembro pola propia Consellería do Medio Ambiente. Destaca nesta campaña Ulloa Viva que “ao final, a realidade é teimuda, e non deixa de darnos a razón, desde o río até o mar, polas que somos e polas que virán: Altri Non!”.








Comentarios