top of page

BANDA, MAR E POBO

hace 5 minutos
2 min de lectura

Tribuna libre de Paula Fernández Pena, alcaldesa de Silleda


Paula Fernández/Silleda


Tribuna libre


"Hai momentos nos que a música consegue cambiar a atmosfera dun lugar. En Pontevedra, bastou que a Banda de Música Municipal de Silleda comezase a tocar para que o público se deixase levar. As obras do certame tiñan o mar como fío condutor, e cada unha foi debuxando unha paisaxe distinta: a calma, a forza, o movemento. Por momentos, podiamos sentir como o mar nos envolvía.

A banda acadou 95,80 puntos, quedou en segundo lugar e recibiu o premio á mellor posta en escena dunha obra galega. Son recoñecementos que falan da calidade da interpretación e do coidado con que se preparou cada detalle. Detrás deles hai moitas horas de ensaio, dedicación e traballo.


Pero houbo algo máis que música sobre o escenario, algo que merece quedar na memoria colectiva. Pontevedra estaba chea de xente chegada de Silleda para acompañar a banda. Familias, amizades e veciñanza desprazáronse para estar alí, escoitar, animar e compartir a emoción. Ao mirar cara ao público, a banda atopou algo máis ca aplausos: atopou o seu pobo, presente e ao seu lado.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Unha banda tamén se recoñece nese vínculo: nas persoas que soben ao escenario e nas que as acompañan desde a platea; nos ensaios e nos aplausos; en ver como a música que nace na casa é quen de emocionar a tanta xente. En Pontevedra, ese sentimento fíxose visible.


Todas as persoas que forman parte da banda merecen o noso recoñecemento polo talento, o esforzo e a emoción que nos fixeron sentir onte. E quero expresar tamén un agradecemento moi especial a Rafa e a Herminio.


Rafa, que coa súa batuta fai que tantos instrumentos e tantas persoas respiren ao mesmo compás e que a música nos leve, nota a nota, ata o mar. Herminio, sempre ao lado da banda, sosténdoa e empurrándoa para que siga avanzando. Onte (polo domingo), detrás de cada nota, tamén estaban o voso traballo, a vosa entrega e todo o cariño que lle dades a esta banda.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O resultado e os premios son motivo de alegría, pero o que vivimos alí vai máis alá dunha clasificación. A banda tocou; o pobo acompañou. E, por un intre, Pontevedra soou un pouco máis a Silleda. Pobo e música. Pobo e banda. Para nós, esa unión foi o mellor premio de todos.


Parabéns á Banda de Música Municipal de Silleda polo seu talento, a súa entrega e por facernos vivir unha xornada tan especial. E grazas a todas as persoas que viaxaron ata Pontevedra para acompañala. Cando o pobo está coa súa banda, cada nota chega un pouco máis lonxe".


Paula Fernández Pena

Alcaldesa de Silleda




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page