Noceda celebra unha nova edición de Literatura no Rural con teatro, música e encontros literarios
A cita será o 17 e 18 de outubro
Laura Moure/Lalín
A parroquia lalinense de Noceda volverá encherse de cultura e historias cunha nova edición de Literatura no Rural 2026, unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural Bolarqueira no marco do proxecto Noceda Cultura no Rural.
A programación desenvolverase o sábado 17 e o domingo 18 de outubro no Centro Social de Noceda, con propostas de teatro, música e encontros arredor da literatura, co obxectivo de achegar a cultura ao rural e crear espazos de encontro para a veciñanza.

As actividades comezarán o sábado 17 de outubro, ás 19:00 horas, coa representación de Novos Lobos, a cargo de Fantoches-Baj e Inacio Vilariño.
A programación continuará o domingo 18 de outubro cunha xornada que combinará música e literatura. Ás 13:00 horas terá lugar o Concerto Literario da Coral Polifónica de Piloño, dirixida por Enrique Viz.
PUBLICIDADE
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase o encontro e presentación de Historia Natural, con Benxamín Otero. A xornada rematará ás 18:15 horas co encontro titulado Mirado con atención, todo é poesía, no que participarán Masha Álvarez e Celso Fernández Sanmartín.
PUBLICIDADE
Con esta iniciativa, a Asociación Cultural Bolarqueira aposta un ano máis por manter viva a actividade cultural na aldea e achegar a literatura e as artes escénicas á contorna rural, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de gozar de diferentes propostas culturais sen saír da súa localidade.









Comentarios