top of page

Rexeitadas as demandas enerxéticas incluídas por Altri-Greenalia no seu Estudo de Impacto Ambiental

Ulloa Viva esixe á Xunta que “denegue xa” as autorizacións á macrocelulosa porque recalca que "sen electricidade, sen auga e sen licenza social, o proxecto é un sen sentido”


Ecos da Comarca/A Ulloa

O secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, reuniuse hoxe con María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, na rolda de encontros que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) mantén coas comunidades autónomas para compartir o escenario técnico de partida da Planificación eléctrica con horizonte 2030, antes do inicio da audiencia pública, na que o conxunto dos axentes poderá alegar e realizar contribucións.


Na reunión, coa participación de técnicos do Goberno autonómico, da Secretaría de Estado de Enerxía e do Operador do Sistema, ambas as administracións coincidiron na oportunidade que representa este novo ciclo de planificación. Tras o empuxe á integración renovable que propiciou a vixente Planificación 2021-2026, e a competitividade de prezos obtida grazas a este desenvolvemento, a nova proposta oriéntase a facilitar a conexión de nova demanda, co obxecto de apoiar a descarbonización da industria, consolidar novos proxectos con elevados beneficios sociais, promover a vertebración territorial e, en definitiva, facilitar a xeración de oportunidades de valor ligadas á transición enerxética.

ree

Nesta liña, os dous executivos analizaron as grandes liñas da proposta inicial, valorando que contemple, de partida, actuacións relevantes dirixidas a asegurar a descarbonización e o desenvolvemento en Galicia, tanto en rede de transporte como en rede de distribución, estimulando o tecido produtivo da rexión. Ao final da década, a capacidade adicional para que as redes galegas atendan a novos consumos practicamente duplicará o pico de demanda rexistrado o ano pasado, de 2,2 GW.


A proposta inicial de planificación prevé reforzos no norte do territorio para materializar novos proxectos industriais, especialmente ao redor das áreas estratéxicas da Coruña e As Pontes; terá papel destacado a produción de hidróxeno verde, con bos exemplos nas zonas de transición xusta. Tamén se atenderán as novas necesidades de descarbonización de industrias xa afincadas e o crecemento do ferrocarril. O reforzo das infraestruturas eléctricas –exponse máis dun centenar de novas posicións e actuacións nunha trintena de subestacións– igualmente propiciará a mellor integración no sistema da xeración renovable, sobre todo eólica, e o almacenamento, con novo bombeo hidroeléctrico.


Continuación da tramitación

A proposta inicial de Planificación con horizonte 2030 elaborouse seguindo criterios técnicos en base ás achegas presentadas na fase de propostas, así como as prioridades do Executivo galego. O documento someterase a consulta pública tras esta primeira rolda de encontros autonómicos e en paralelo tramitarase a súa avaliación ambiental estratéxica, tamén aberta a participación. Unha vez recollidas as contribucións na fase de consultas públicas, analizarase a viabilidade física, técnica e ambiental das conxunto propostas presentadas, tendo en conta os principios reitores da Planificación. O resultado desta segunda análise técnica será obxecto de informe por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que analiza o cumprimento dos criterios de sustentabilidade económica-financeira. Sobre as súas conclusións, elaborarase o documento consolidado e a declaración ambiental estratéxica, que se presentarán no Congreso dos Deputados antes da súa aprobación por parte do Consello de Ministros.


A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, amosouse hoxe “razoablemente satisfeita” coa proposta da nova planificación eléctrica que prepara o Goberno central, se ben, lamentou que condene a provincia de Lugo e a saque do mapa industrial dos vindeiros anos.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Á espera de coñecer o borrador completo, dixo, “en Galicia podemos dicir que estamos razoablemente satisfeitos co resultado da reunión para unha boa parte do territorio e, en concreto, para tres provincias que son A Coruña, Pontevedra e Ourense, onde se reforzan as distintas posicións e as distintas zonas que foron solicitadas polo Goberno de Galicia practicamente na súa totalidade”, subliñou.


“Estamos satisfeitos de que toda a zona da cidade da Coruña e a Autoridade Portuaria, xunto coa zona de Ferrol vaia ser reforzada, e de que tamén se poida dar saída á enerxía producida pola meirande parte das centrais renovables na zona de Ourense, así como polos reforzos para as zonas de transición xusta, As Pontes e Meirama”, abondou.

Non obstante, Lorenzana amosou a súa “tristeza” por “que se saque do mapa industrial unha provincia como é a de Lugo, posto que non se reforza en ningún punto, en ningunha zona para o consumo industrial”, argumentou. Isto significa, proseguiu, que “durante o tempo que dure esta planificación non se poderá instalar ningunha mediana ou grande industria nesta provincia ao non ser reforzada e non existir potencia eléctrica para iso”, lamentou. 


“É a única provincia que non sae reforzada e está condenada e sacada do mapa industrial para os próximos anos”, remarcou, para garantir que “o Goberno de Galicia vai seguir loitando para que Lugo poida ter un futuro económico e industrial”, aínda que a realidade, enfatizou, “é que tendo en conta as conexións eléctricas que agora mesmo ten, non é unha posibilidade para que ningunha empresa de mediano ou gran tamaño se poida instalar nesta provincia”.


Pola súa banda, a Plataforma Ulloa Viva, logo de coñecer oficialmente hoxe a exclusión do proxecto de Altri-Greenalia da planificación eléctrica 2025-2030, exixe da Xunta de Galicia que “denegue dunha vez por todas e para sempre” as autorizacións pendentes que está a tramitar para a macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. Desde Ulloa Viva, logo de constatar hoxe por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) que as demandas enerxéticas incluídas por Altri-Greenalia no seu Estudo de Impacto Ambiental (EIA) foron rexeitadas polo Goberno do Estado, consideramos que “chegou a hora en que a Xunta e o PP recoñezan que este é un proxecto sen sentido, que as veciñas e veciños que levamos máis dun ano dicindo Altri Non temos razón e que dunha vez por todas a Xunta desbote seguir tramitando este proxecto en contra da veciñanza”. A non inclusión destas actuacións na planificación da rede eléctrica “imposibilita a execución e funcionamento operativo do proxecto”.


“Dixémosllo nas rúas, déronnos a razón os expertos de tódalas áreas, levamos os nosos argumentos a todos os parlamentos, e agora de novo o Goberno do Estado ven a ratificar que o proxecto da macrocelulosa de Altri non ten encaixe socioeconómico nin medioambiental algún no noso territorio”. A realidade non fai máis que demostrar que “o proxecto de Altri-Greenalia carece de todo sentido común desde o seu nacemento”, un proxecto “guiado polos beneficios económicos privados de catro, e de costas á realidade socioeconómica da contorna onde se quere implantar”. Ulloa Viva sinala a “mobilización social maioritaria contra Altri” como artífice “de que as administracións por fin empecen a darnos a razón”.


Neste tempo, lembra a Plataforma que “a veciñanza viuse obrigada a organizarse, e deu unha resposta clara e contundente apoiada polo resto de Galicia”, polo que de novo Ulloa Viva insta ao Goberno galego a que “non cabe outro camiño que escoitar á xente, ás veciñas e veciños que levamos meses dicindo Altri Non”. Diante da nova negativa do Goberno do Estado a aportar fondos públicos que a Xunta e Altri demandan de toda a cidadanía, Ulloa Viva considera que “por responsabilidade a Xunta e a propia empresa deben desistir da imposición deste proxecto antes de obrigarnos a seguir loitando e exercitar no seu caso as accións xudiciais oportunas por unha causa que xa demostrou ser xusta, coherente coa realidade da veciñanza e cientificamente avalada”.


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Sen licencia social, sen electricidade, sen auga, sen sentido”

Desde a Plataforma Ulloa Viva o resumo a estas alturas da “oscura tramitación deste proxecto” é que a macrocelulosa que Xunta e Altri nos queren impoñer no corazón de Galicia é un proxecto: “Sen licencia Social, sen electricidade, sen auga e, en definitiva, sen sentido”. A non inclusión desta subestación eléctrica e o “enganche” que a empresa demandaba de Rede Eléctrica Española (REE) “son boas noticias, pois alonxa o proxecto da súa execución, mais sabemos que non é o golpe definitivo”.


Por iso a Plataforma Ulloa Viva advirte que “seguiremos de cerca os posibles recursos a esta decisión”, o mesmo que “estamos facendo cos procesos que aínda seguen abertos tanto a concesión da captación de auga en Portodemouros por parte de Augas de Galicia, como a Autorización Ambiental Integrada (AAI) e o Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), todos dependentes da Xunta. Ulloa Viva advirte tamén ao Miteco de que “estaremos vixiantes”.

Os proxectos industriais para Lugo da Xunta de Galicia

A respecto das declaración de hoxe en Madrid da conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, asegurando que o “goberno de Galicia vai seguir loitando para que Lugo poida ter un futuro económico e industrial". A Plataforma Ulloa Viva lémbralle á conselleira como responsable tamén da provincia de Lugo que “non se pode loitar polo futuro económico e industrial de Lugo de costas ás veciñas e veciños”. Desde Ulloa Viva explican a Lorenzana que “efectivamente queremos industria, pero que dea valor ao que xa temos e non un modelo imposto que rompa o modelo socioeconómico actual que creamos entre todas”.


A Plataforma Ulloa Viva está a xestionar para os vindeiros meses encontros e reunións informativas a distintos niveis para garantir que as decisións que se están a adoptar respecto do proxecto da macrocelulosa e as distintas propostas políticas “teñen en conta á veciñanza, ao territorio e ás demandas de presente e futuro que a Plataforma leva meses defendendo nas rúas e nas institucións”.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page