Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non convocan unha cadea humana “en defensa do Ulla”
- ecosdacomarca 
- hace 8 horas
- 2 Min. de lectura
Será o domingo 9 de novembro
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma Mina de Touro-O Pino Non formarán o vindeiro 9 de novembro unha “cadea humana en defensa do río Ulla”. Un grupo de manifestantes sairá ás 11:30 horas da Fervenza das Hortas (Dombodán, Arzúa) e outro da Capela de San Ramón (Vila de Cruces) para toparse ás doce do mediodía na ponte do encoro de Portodemouros e facer unha cadea humana ao berro de “pola auga e pola vida, nin Altri nin Mina”.

As dúas plataformas convocan a toda a veciñanza das comarcas afectadas por ambos proxectos industriais -declarados “Estratéxicos” pola Xunta de Galicia- que de desenvolverse “afectarían á biodiversidade, contaminaría máis as augas do río Ulla até a Ría de Arousa, o aire e as terras próximas, e impulsarían en Galicia a eucaliptización e a depredación dos nosos recursos, xerando perigosos residuos”.
Publicidade
Ambas plataformas sinalan que Altri e a Mina de Touro-O Pino “son unha moi perigosa ameaza que afecta ao corazón de Galicia”, a toda a conca do Ulla -a segunda máis longa do país-, a todos os lugares, parroquias e concellos bañados polo río e ás actividades socioeconómicas das zonas, tanto agrogandeiras como a actividade pesqueira e marisqueira da Ría de Arousa, a de maior produción marisqueira de Galicia, España e Europa".
Publicidade
Diante destas, sinalan ambos colectivos, “ameazas a toda Galicia, á nosa economía, medio ambiente, benestar e saúde da poboación”, Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non fan un chamamento á participación nesta “cadea humana” na defensa do Ulla e contra os proxectos industriais “que dúas empresas apoiadas pola Xunta de Galicia pretenden impoñer á forza no noso territorio”.








Comentarios