O Pleno de Arzúa aproba 352.000 euros do POS para mellorar a rede viaria das parroquias
As actuacións repartiranse por Viñós, A Mella, Santa María de Arzúa, Oíns, A Castañeda, Lema e Maroxo
Laura Moure/Arzúa
O Pleno do Concello de Arzúa, celebrado o 17 de setembro, aprobou destinar 352.000 euros do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña a novas actuacións de mellora en pistas e viarios municipais das parroquias.
O investimento permitirá actuar en máis dunha ducia de puntos da rede viaria municipal, con obras repartidas por diferentes zonas do rural de Arzúa.

As actuacións previstas inclúen:
• Pista entre O Seixo e A Casanova, en Viñós.• Mellora dunha pista na Mella, da Igrexa a AC-234• Mellora da pista do Viso, en Santa María de Arzúa.• Melloras viarias na contorna de Seixas, no Couto de Oíns.• Viario entre Gosteres, A Igrexa e Pazos, na Mella.• Pista entre A Igrexa e A Fraga, no Couto de Oíns.• Mellora do viario de O Pumar a Os Campos en Santo Estevo.
• Viario da Castañeda en dirección a Golán, ata o límite municipal.• Pista de acceso desde a estrada de Santiso a Buxacos en Lema.• Viario desde A Igrexa de Viñós ata O Seixo.• Pista de Carballos Altos á estrada de Lema.• Mellora da pista da Xunqueira en Maroxo.• Pista de Sesa de Abaixo ata a igrexa de San Pedro, en Viñós.
A esta partida de 352.000 euros para investimentos súmanse outros 300.000 euros do POS+ destinados ao financiamento de gasto corrente municipal. En total, a achega da Deputación da Coruña ao Concello de Arzúa supera os 650.000 euros.
Subvención para a 52ª Festa do Queixo de Arzúa
O Pleno aprobou tamén solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de 120.000 euros para a celebración da 52ª Festa do Queixo de Arzúa, que terá lugar en 2027.
PUBLICIDADE
A aprobación desta solicitude polo Pleno é necesaria para que a Deputación poida tramitar a concesión da achega.
Defensa da FP agraria no IES de Arzúa
Outro dos asuntos aprobados foi a moción do Bloque Nacionalista Galego para a defensa do Grao Medio de FP de Produción Agropecuaria e da oferta parcial de Produción Agroecolóxica no IES de Arzúa.
A iniciativa insta á Xunta de Galiza a manter esta formación en Arzúa, pola súa relación directa coa realidade da comarca e co peso que ten nela o sector agrogandeiro.
A moción reclama tamén que se atendan as demandas da comunidade educativa. Neste curso, unha serie de circunstancias administrativas relacionadas coa xestión da oferta por parte da Xunta de Galiza impediron que se ofertase matrícula para o primeiro curso do ciclo e, con ela, que puidesen matricularse as persoas interesadas.
O Pleno reclama que o Bono Concilia inclúa os servizos municipais
Entre as mocións presentadas por urxencia, o Pleno aprobou tamén unha iniciativa do goberno municipal, formado por BNG-Alternativa por Arzúa e PSOE, relativa ao Bono Concilia Familia.
A moción insta á Xunta de Galicia a incluír os servizos municipais de conciliación entre os gastos que as familias poden xustificar para acceder a esta axuda.
PUBLICIDADE
Os cambios introducidos este ano nos requisitos do bono deixaron fóra os servizos públicos municipais. O acordo reclama que as familias poidan acceder á axuda tamén cando utilizan un servizo de conciliación prestado por un concello.
138.324 euros quedan dispoñibles para outras necesidades municipais
O Pleno aprobou ademais unha transferencia de crédito por importe de 138.324 euros correspondente á partida que o Concello tiña reservada para a posible execución subsidiaria da demolición da sexta planta do edificio situado na avenida de Lugo nº 2.
Tras a recente resolución xudicial que determina a imposibilidade material de executar esa demolición e deixa o Concello exento desta responsabilidade, os 138.324 euros reservados para este fin poden destinarse agora a gastos doutras concellerías.









Comentarios