Ulloa Viva constata en Portugal que Altri abriría en Palas “o camiño da eucaliptización e a depredación”
- ecosdacomarca
- hace 3 días
- 3 Min. de lectura
O presidente da Plataforma participou en Lousã nunha das mobilizacións contra os lumes convocada por Floresta do Futuro
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva participou este sábado nunha das manifestacións convocadas pola
asociación Floresta do Futuro contra a vaga de lumes que asolou este verán Portugal, igual que aconteceu e segue a acontecer en Galicia. O pasado 14 de setembro, na mobilización celebrada por “Un monte Galego con futuro”, representantes de Floresta do Futuro tamén estiveron en Compostela. O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, estivo en Lousã, no Distrito de Coímbra, desde onde alertou pola experiencia lusa que “Galicia vai camiño da eucaliptización e a depredación con Altri-Greenalia”, lembrando que a pasteira Altri é unha das "culpables dos recorrentes incendios de Portugal, xunto con Navigator, Galp e EdP, tal e como levan anos denunciando os membros de Floresta".
Segundo explicou o presidente da Plataforma, Ulloa Viva leva meses “recollendo o coñecemento e as consecuencias da experiencia de anos e anos que Portugal ten coa actividade destas empresas”. Dixo Juan Pedro Sánchez que cos datos recabados en Portugal da actividade de Altri, “nos asustan e preocupan” os efectos que podería ter en Galicia a autorización por parte da Xunta da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. “Os nosos irmáns portugueses teñen sufrido moito tempo polos efectos da actividade destas empresas en relación cos incendios forestais, a contaminación e a destrución dos seus ecosistemas”.

Floresta do Futuro convocou onte concentracións por todo o país veciño para esixir “deseucaliptización, descarbonización e democratización” da súa superficie forestal, logo de ter sufrido este verán unha nova vaga de lumes con efectos devastadores para as persoas, o territorio e a biodiversidade. “É hora de saír á rúa, loitar e mudar as cousas”, explicaron os responsábeis de Floresta do Futuro, e por iso miles de persoas secundaron as protestas en 15 localidades de Portugal (Águeda, Arganil, Aveiro, Braga, Coimbra, Leiria, Lisboa, Lousã, Odemira, Oliveira do Hospital, Pedrógão Grande, Porto, Proença-a-Nova, São Pedro do Sul e Sertã). A veciñanza de Portugal berrou nas rúas que “non nos resignamos, é tempo de deseucaliptizar, é tempo de democratizar, a terra para quen a coida, e nós somos os que a traballamos”.
O presidente de Ulloa Viva, que interveu nunha asemblea posterior ás concentracións por Portugal, amosou a preocupación da Plataforma polos 3 lumes activos que levan calcinadas nas últimas horas en Pantón, O Bolo e A Fonsagrada máis de 1.600 hectáreas, e que queimaron casas e obrigaron a confinar e desaloxar case 20 núcleos de poboación”.
PUBLICIDADE
A “mala experiencia” con Altri en Portugal
Logo de anos de implantación con 3 celulosas no país, denuncias por contaminación atmosférica e aos ríos, Floresta do Futuro ten claro que " a pasteira Altri é unha das causantes do recorrente problema de incendios que hai en Portugal".
De feito, sinala que "Altri e Navigator xestionan desde hai anos atendendo só aos seus intereses empresariais máis de 220.000 hectáreas forestais con devastadoras plantacións de eucaliptos, especie alóctona tamén en Portugal e pirófita, causante da virulencia e propagación de lumes cada ano no país veciño".
PUBLICIDADE
Desde Portugal, o presidente de Ulloa Viva chamou de novo á Xunta de Galicia a que “rectifique, sexa responsable e negue á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei os permisos que precisa do goberno galego para a súa implantación”. Advertiu o presidente da Plataforma que “van ter sempre á veciñanza en fronte” e dixo que calquera decisión a favor de Altri-Greenalia que a partir de agora tome a Xunta “imos recorrela administrativa e xudicialmente”. “Chegaremos até o final, onde faga falta, ata parar definitivamente esta ameaza sobre o noso territorio”.
Comentarios