Ulloa Viva agradece os apoios recibidos na loita contra Altri e o “traballo incansable de todo o pobo”
- ecosdacomarca

- 13 jun
- 3 min de lectura
“A forza de todas e todos conseguirá enterrar o proxecto da macrocelulosa”, sinala
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva quere agradecer e recoñecer os apoios recibidos desde fai case catro anos na intensa loita veciñal contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Neste tempo de loita “foi e segue sendo emocionante recibir os azos e o compromiso de miles de persoas de todos os sectores, de todos os concellos de Galicia, de distintas partes do Estado español e tamén doutros países de todo o mundo, que nesta longa loita convertéronse en amigos e familia, en compañeiros e compañeiras de manifestacións e nun orgullo para todas e cada unha das persoas que formamos parte da Plataforma Ulloa Viva”.

"Escritores e escritoras, cantantes, músicos, colectivos profesionais, medios de comunicación, e persoas de todas as nacionalidades e ideoloxías levan todos estes anos apoiando e animando á Plataforma na nosa loita polo territorio, por defender o noso modo de vida e o futuro das nosas fillas e fillos. Emocionan todas e cada unha das mensaxes de apoio e ánimo, e enchen de orgullo ás veciñas e veciños que facemos parte desta Plataforma a resposta masiva que recibimos de volta en cada unha das actividades e iniciativas que levamos a cabo nestes anos de loita contra Altri”.
Todo o que temos conseguido ata o de agora na loita, apunta, "non tería sido posible sen os azos e a participación de todas e cada unha das persoas que conforman este gran movemento social contra a macrocelulosa". "Con este “equipo” seguimos convencidos como o primeiro día que enterraremos o proxecto de Altri e “gañará a vida”. Neste tempo o traballo incansable e altruísta das xuntas directivas, as voceiras, os grupos de técnicas, comunicación, legal, grupos vivos, produtoras....ten acadado éxitos como o anuncio da Xunta do arquivo do proxecto o pasado mes de febreiro".
PUBLICIDADE
Lamentablemente, sinala, "nada sabemos oficialmente dese hipotético arquivo e seguimos alerta e na loita até ver “enterrado” o proxecto coa súa denegación por parte da Xunta".
E lembra que "desde aquel histórico 26 de maio de 2024 en Palas de Rei, até a manifestación que o domingo 14 temos convocada xunto coas Plataformas En Defensa da Ría de Arousa e Veciñal Mina de Touro-O Pino na Illa de Arousa, pasaron demasiados anos de maltrato institucional, demasiadas horas de traballo incansable roubadas ás nosas familias e ao noso tempo de lecer. Por iso o domingo na Illa de Arousa volveremos a berrar máis alto ca nunca “Altri Non”, e volveremos reunir á terra e ao mar nun berro unánime de todo un país para defender o Río Ulla e a Ría de Arousa".
PUBLICIDADE
Desde a Plataforma Ulloa Viva queren tamén agradecer aos medios de comunicación de Galicia, o resto do Estado e os internacionais "o tratamento e o interese que neste tempo teñen amosado pola nosa loita contra o proxecto de Altri. As investigacións xornalísticas sobre a verdadeira faciana deste proxecto contaminante e espoliador, a visibilidade das veciñas e veciños afectados e as súas razóns para non querer Altri no noso territorio, e a cobertura informativa desta loita son tamén motivo de orgullo e agradecemento infinito por parte de Ulloa Viva".
"O domingo, ás doce do mediodía na praia do Vao da Illa de Arousa volveremos a facelo, volveremos a demostrar que “a forza de todas e todos conseguirá enterrar o proxecto e gañará a vida”.








Comentarios