Ulloa Viva, a PDRA e Mina de Touro-O Pino Non chaman a “poñer fin” á ameaza de Altri
- ecosdacomarca

- hace 4 minutos
- 4 Min. de lectura
Chaman de novo a toda Galicia a “seguir deslexitimando socialmente o proxecto de Altri, e demandar que dunha vez por todas que a Xunta dea carpetazo definitivo á macrocelulosa”
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva (PUV), a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma veciñal contra a Mina de Touro-O Pino fixeron onte un chamamento para “volver colapsar Compostela” o vindeiro 14 de decembro na manifestación convocada pola PUV e a PDRA reclamando “Altri No. Fóra Xa!” e co lema “Desde o río ata o mar, polas que somos e polas que virán”. Un ano despois da gran manifestación nacional de 100.000 persoas ao berro de “Altri Non” polas rúas de Santiago, os presidentes de Ulloa Viva e a PDRA, Juan Pedro Sánchez e Xaquín Rubido, e a voceira da Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo chamaron de novo a toda Galicia a “seguir deslexitimando socialmente o proxecto de Altri, e demandar que dunha vez por todas que a Xunta dea carpetazo definitivo á macrocelulosa”.
Na Alameda de Compostela, de onde sairá a manifestación o domingo 14 de decembro, as plataformas e os colectivos que apoian a convocatoria, explicaron que “igual que o 15 de decembro de 2024 o río Ulla chegou ao Obradoiro, o 14D haberá un bosque galego no medio da praza, defendendo de novo o noso medio ambiente, a nosa biodiversidade, o noso pasado, presente e futuro”, sinalaron. Centos de paraugas convertidos en carballos, castiñeiros ou sobreiras reivindicarán na manifestación contra Altri en Compostela que “os nosos recursos e patrimonio non van ser vendidos pola Xunta a ningunha industria que quere facernos vivir peor por beneficiar economicamente a catro”.

“Xa que a Xunta non escoita á veciñanza, levarémoslle ao Obradoiro o monte galego que está obrigada por lei a protexer”, asegurou o presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez. Segundo explicou, a veciñanza “seguimos preocupados porque a pesares dos “non” recibidos nos últimos meses ao proxecto, a Xunta de Galicia non lle da carpetazo definitivo, non nos da tranquilidade para volver ás nosas vidas logo de ternos obrigados nos últimos dous anos a defendernos dunha multinacional e dos nosos propios gobernantes da imposición pola forza dunha industria altamente contaminante”.
Desde Ulloa Viva “pedimos encarecidamente que a Xunta volva ao sentido común, pense na saúde da cidadanía, na xestión responsable dos nosos recursos hídricos e no uso adecuado da terra”. Lembrou o presidente da Plataforma que a Xunta “debe garantir o futuro das nenas e nenos e senón é capaz deixar sitio para que outros gobernantes o fagan e non martirizar a un pobo que só quere vivir ben respectando o medio que habita”.
Altri sería “a pena capital” para a Ría de Arousa
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou en Lugo que “a situación que estamos vivindo na Ría de Arousa xa é unha situación crítica”, segundo dixo “estamos vivindo un momento crucial para o futuro do sector marisqueiro e do mexillón de toda Galiza, porque o centro de gravidade está na Ría de Arousa”. Rubido sinalou que a realidade que está vivindo a Ría de Arousa é xa “moi dura” polo “abandono total das súas competencias por parte da Xunta” e advertiu que “non hai ningún viso de reacción” do goberno galego para “reconducir esta situación”.
Publicidade
Detrás desta “pasividade dolosa por parte da Xunta”, afondou o presidente da PDRA, está “a vontade da Xunta de mudar o modelo produtivo e favorecer que se destrúa o modelo produtivo tradicional e substituílo pola acuicultura industrial e privatizar o mar”. Segundo sinalou Rubido “si a isto lle engadimos colocar unha macrocelulosa na cabeceira do Ulla, cunha contaminación de 65 toneladas diarias de produtos químicos e unha demanda de auga altísima e contaminación térmica de auga a 27 graos”. Isto nos fala dunha “pena capital” para a Ría de Arousa. Construír a celulosa de Altri en Palas “ten un custe”, explicou o presidente da PDRA, que é “sacrificar o conxunto do tecido produtivo da ría de Arousa, o sector agrogandeiro e o Camiño de Santiago”.
Diante desta situación, Xaquín Rubido fixo un “chamamento urxente a toda a sociedade galega a actuar, a tomar decisións que amosen que o pobo galego non queren o modelo de país que nos quere impoñer a Xunta “.
“Os maiores perigos ambientais” de Galicia
A voceira da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, Che Cancelo sinalou na rolda de prensa que o río Ulla “é a arteria coronaria que dá o osíxeno ao corazón do país”, unha arteria que segundo dixo é “fundamental para a supervivencia dos nosos sectores produtivos da terra e do mar”. Engadiu Candela que o río Ulla “dános calidade de vida e asenta a poboación no territorio” e alertou de que “hoxe o maior perigo ambiental na Galiza son os proxectos de Altri e a Mina de Touro”.
Publicidade
Segundo explicou a voceira da plataforma veciñal, “aínda hoxe, coa vella mina pechada segue a haber residuos contaminantes que, polo Ulla, chegan á ría de Arousa”. Che Cancelo puxo o foco sobre “quen se beneficia destes proxectos” e concluíu que “o pobo galego non”, o que nos leva a “intereses económicos especulativos que se van levar a nosa riqueza para fóra e só van deixarnos contaminación e destrución”.
Desde a plataforma fixeron tamén un chamamento a participar o 14 de decembro na manifestación convocada en Compostela, porque segundo dixo Cancelo “queremos seguir vivindo neste país e deixarlle ás nosas fillas e netos un territorio e unha paisaxe onde se poida vivir sen contaminación e con dignidade”.








Comentarios