UCIN Galicia: "Mercosur afoga o rural galego mentres os representantes políticos miran para outro lado"
- ecosdacomarca

- hace 9 minutos
- 3 Min. de lectura
A formación política adverte "dunha competencia desleal absolutamente inaceptable"
Ecos da Comarca/Xeral
UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, reclama unha resposta
inmediata, firme e sen ambigüidades das administracións competentes fronte ás
graves consecuencias que o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur terá
para o sector primario galego, especialmente para os produtores de carne e leite.

"Desde UCIN Galicia advertimos dunha competencia desleal absolutamente inaceptable, derivada da entrada de produtos procedentes de Mercosur con aranceis baixos e estándares sanitarios, ambientais e laborais moi inferiores aos que se lles esixen aos gandeiros galegos. Mentres en Galicia se cumpre estritamente coa PAC, coa normativa europea e cunha elevada carga de custos, permítese a importación masiva de producións obtidas en condicións que nunca serían legais na Unión Europea".
Esta situación, apunta, "sitúa á produción galega nunha clara desvantaxe fronte a modelos de produción extensiva e a grande escala, poñendo en risco a viabilidade económica de
milleiros de explotacións, o emprego no rural e o equilibrio territorial".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Ademais, UCIN Galicia denuncia tamén "a escasa ou nula actuación dos actuais responsables políticos no Parlamento español e no Parlamento Europeo, incapaces de defender os intereses do sector primario galego e de garantir a protección dos fondos da PAC e dos programas específicos de desenvolvemento rural, hoxe seriamente ameazados polas novas propostas comunitarias e polo propio acordo UE-Mercosur. As organizacións agrarias galegas veñen manifestando de forma clara o seu rexeitamento a este acordo, unha posición que UCIN Galicia comparte e respalda plenamente".
Demandas urxentes de UCIN Galicia
1. Presión política e reivindicación
• Esixir ao Goberno de España e á Unión Europea a aplicación inmediata de cláusulas de salvagarda reais e efectivas, que permitan bloquear importacións cando non se cumpran as mesmas condicións esixidas aos produtores europeos.
• Implantar un etiquetado obrigatorio, claro e transparente sobre a orixe e as condicións de produción (ambientais e sociais), permitindo ao consumidor diferenciar e priorizar o produto galego.
• Establecer medidas de apoio directo á rendibilidade das explotacións, incluíndo axudas para a incorporación de xente nova, compensacións polos elevados custos de produción e primas ligadas á calidade e á sustentabilidade.
Publicidade
2. Loita contra as enfermidades gandeiras (DNC)
• Reclamar ao Ministerio de Agricultura unha coordinación estatal efectiva, con medidas homoxéneas fronte á Dermatosis Nodular Contaxiosa (DNC).
• Esixir o impulso dunha vacina preventiva a nivel europeo.
• Garantir indemnizacións contundentes, xustas e inmediatas no caso de detectarse focos en Galicia, evitando que os gandeiros paguen as consecuencias da inacción institucional.
3. Fomento do consumo local
• Promover campañas estables de “Compra Galego”, que conciencien á cidadanía da importancia de apoiar ao produtor local e de manter vivo o territorio.
• Impulsar a preferencia polos produtos galegos na restauración colectiva e nas compras da administración pública.
Publicidade
4. Fortalecemento do sector
• Apostar pola valorización dos produtos galegos, como a carne de vacún, reforzando selos de calidade recoñecidos como a IXP Ternera Galega.
• Apoiar a diversificación e modernización das explotacións, garantindo a súa competitividade e sustentabilidade a longo prazo.
José Luis Calo subliña que “non se pode seguir sacrificando o sector primario galego en nome de acordos comerciais que benefician a terceiros países mentres se abandona a quen sostén o noso rural e a nosa soberanía alimentaria”. UCIN Galicia continuará defendendo con firmeza ao campo galego e esixindo responsabilidades políticas alí onde hoxe só hai silencio e deixación de funcións.
ECOS DA COMARCA falamos o sábado cun gandeiro de Palas de Rei (Lugo) sobre Mercosur. A entrevista no enlace: https://www.facebook.com/reel/1776689349631691








Comentarios