UCIN Galicia denuncia o déficit estrutural de seguridade, sanidade e educación
- ecosdacomarca

- hace 17 minutos
- 2 Min. de lectura
Anuncia unha ofensiva política para recuperar os servizos públicos
Ecos da Comarca/Xeral
A coordinadora de UCIN Galicia denuncia publicamente a grave situación de déficit de recursos humanos e materiais que afecta os piares básicos do Estado do benestar na comunidade: seguridade, sanidade e educación. A formación considera que esta carencia “non é conxuntural, senón consecuencia de anos de falta de planificación, abandono institucional e decisións políticas afastadas da realidade social galega”.

UCIN Galicia alerta de que a falta de efectivos nos corpos e forzas de seguridade, a escaseza de profesionais sanitarios e a insuficiencia de docentes están a debilitar progresivamente a estrutura social e territorial de Galicia, con especial incidencia no rural. "Segundo datos de asociacións profesionais e fontes sindicais, Galicia arrastra un déficit de entre 1.000 e 1.500 axentes no conxunto dos corpos de seguridade do Estado, con especial incidencia na Garda Civil en zonas rurais, onde existen cuarteis con persoais moi por baixo do recomendado e mesmo servizos limitados. No ámbito sanitario, a comunidade presenta un déficit estimado de máis de 1.000 médicos de atención primaria, o que se traduce en demoras, sobrecarga asistencial e dificultades para cubrir consultas, especialmente fóra das grandes cidades. En educación, Galicia rexistra unha taxa de interinidade docente próxima ao 20% nalgunhas etapas, ademais de carencias en especialidades concretas e un progresivo peche ou agrupación de unidades no rural debido á falta de recursos e planificación, o que agrava a desigualdade territorial", recalca a formación política.
Ante esta situación, UCIN Galicia anuncia que centrará a súa acción política durante os próximos anos na recuperación destes servizos esenciais, impulsando medidas concretas e exercendo un labor firme de denuncia e esixencia ante as administracións competentes. A formación reclama un compromiso real por parte dos organismos que actualmente representan á cidadanía, aos que acusa de “inacción, falta de sensibilidade e desconexión coas necesidades reais de Galicia”.
Publicidade
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, foi contundente na súa valoración: “Galicia non pode seguir soportando o abandono dos seus servizos públicos mentres quen nos representa miran cara a outro lado. Estamos a falar da seguridade dos nosos veciños, da saúde das nosas familias e do futuro educativo dos nosos mozos. Non é admisible”. Calo engadiu: “Os datos son contundentes: faltan entre 1.000 e 1.500 axentes, máis de 1.000 médicos de atención primaria e preto de un 20% do profesorado é interino nalgunhas etapas. Esta realidade demostra que o problema é estrutural e que non se está actuando coa urxencia necesaria”.
PUBLICIDADE
Así mesmo, advertiu: “Non imos permitir máis escusas nin máis atrasos. Esiximos responsabilidade política inmediata e solucións reais. Galicia necesita feitos, non discursos baleiros”.
UCIN Galicia conclúe que esta liña de traballo marcará a súa folla de roteiro político, co obxectivo de reforzar os servizos públicos, garantir a igualdade territorial e recuperar a calidade de vida da cidadanía galega.








Comentarios