Turexpo Galicia 2025 multiplicará oportunidades de negocio: máis de 30 turoperadores e a estrea de Indonesia e Serbia na súa bolsa de contratación
- Laura Moure
- hace 5 días
- 2 Min. de lectura
Celebrarase do 5 ao 8 de xuño en Silleda
Laura Moure/Silleda
O XIV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2025, o cal se levará a cabo do 5 ao 8 de xuño en Silleda co apoio da Axencia Turismo de Galicia, contará unha vez máis coa súa recoñecida Bolsa de Contratación. Esta volverá ser unha efectiva plataforma de negocio para a oferta turística participante.
Así, no seu marco están confirmados máis de 30 operadores turísticos con presenza en dez países, como son Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia.
Na súa maioría trátase de axencias tradicionais ou axencias de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados), buscando outras especificamente propostas relacionadas con turismo activo e de natureza, gastronómico, educativo para estudantes, de festas e festivais, sostible ou relixioso, sendo este último o caso do operador indonesio.

Entre as súas demandas para coñecer nestes encontros, moitos dos operadores turísticos destacan hoteis, empresas de servizos, axencias de viaxes, propostas tanto de lecer e cultura como gastronómicas e de enoturismo, ademais de parques naturais, empresas de transporte ou maioristas.
Estes operadores coñecerán a oferta de empresas do sector do turismo, a maioría galegas, e tamén destinos. Todos eles poderán mostrarlles detalladamente as súas propostas aos operadores turísticos co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que farán aos seus clientes nos países nos que operan. Será a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas as partes durante o 5 de xuño todo o día e na mañá do 6 de xuño, o cal se corresponde co primeiro día e medio do certame, que ademais terá lugar xunto á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
Publicidade
Fam Trip pola Estrada, O Ribeiro e Vilagarcía
A estas mesas de negocio engadirase unha pequena viaxe de familiarización no
que participará a maioría de operadores turísticos asistentes.
Este fam trip comezará a tarde do venres 6 de xuño cunha visita ao Pazo de Oca e os seus históricos xardíns en A Estrada. Xa o sábado 7 de xuño coñecerán a comarca do Ribeiro, con parada e comida no Pazo de Toubes, en Riobó (Cenlle), e visitas á localidades de Ribadavia e Ourense, onde coñecerán distintas zonas da cidade e a súa catedral.
O último día, o domingo 8 de xuño, terán dúas opcións, ben visitar Santiago de Compostela e a súa catedral ou, para aqueles que xa coñecen a cidade, descubrir o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa.
Comments