Troitiño presenta un programa con 20 propostas "para mellorar o automobilismo galego"
Ecos da Comarca/Deza
O candidato de Xeración- RenovaFGA á presidencia da Federación Galega de Automobilismo (FGA), o lalinense Antonio Rodríguez Troitiño, fixo público este martes o seu programa electoral cun documento de 24 páxinas que recolle 20 propostas concretas para “mellorar o automobilismo galego” e “rematar con preto de 40 anos de presidencia de Iván Corral e coa súa deriva errática, escurantista e individualista nos últimos tempos”.
Rodríguez Troitiño asegura que os 20 compromisos da candidatura de Xeración- RenovaFGA responden aos “piares xerais” de transparencia na xestión dos cartos de todos, abaratar os custos para os deportistas e as escuderías, garantir a seguridade
dos participantes e do público asistente ás probas, dotar á FGA de órganos máis plurais e participativos, traballar na formación dos deportistas, técnicos e organizadores e restablecer as relacións institucionais coas Administracións Públicas, con outras federacións e co tecido empresarial.

Aínda que algúns puntos do programa xa foran avanzados nas redes sociais, o documento presentado onte debulla e explica cada unha das 20 propostas: instaurar a transparencia como eixo transversal da xestión; actualizar os estatutos da FGA para incorporar novas garantías democráticas e limitar os mandatos da presidencia a un máximo de oito anos; recuperar o diálogo e o entendemento institucional; trasladar a sede da FGA a un lugar céntrico, ben sexa Santiago ou o seu hinterland; e avanzar na modernización e dixitalización da federación para que sexa máis áxil e eficaz.
Outros compromisos
Outros compromisos adquiridos son abaratar a práctica do automobilismo en Galicia, coordinar un calendario estable que minimice a duplicidade de probas, restruturar a xestión das licenzas, crear o Carné d@ afeccionad@, aportar a máxima claridade na xestión e cobertura dos seguros; crear a Escola Galega de Automobilismo; captar máis
fondos externos a través de subvencións e patronicios; implantar a figura do director
deportivo na federación; crear novos campionatos; potenciar as copas de promoción;
organizar finais de temporada máis atractivos; melloras específicas para as
modalidades de karting, autocross, rallyes, montaña, slalom e rallymix; crear unha
Comisión de promoción e marketing para mellorar a difusión do automobilismo
galego; suprimir os coeficientes en todas as modalidades; e involucrarse e apoiar a
construción do Circuíto Galego de Velocidade se a conxuntura socioeconómica
permite retomar este proxecto.
O candidato de Xeración-RenovaFGA á presidencia amósase “plenamente convencido
das opcións de vitoria” e anima “a todos os que queiran cambio, a votar libremente o
día 1 de novembro para acabar cunha federación que manexa Iván Corral con e para
algúns privilexiados. Ata o último día da campaña imos seguir traballando para explicar este programa electoral e para garantir que haxa un proceso electoral democrático e ecuánime”, destaca Troitiño.








Comentarios