Tres persoas do centro de Cogami de Silleda comparten vivenda en Lalín
O obxectivo deste programa é avanzar cara á vida independente
Laura Moure/Lalín
Dende mediados de xullo, Adrián, Antonio e Indira comparten piso en Lalín. Os tres coinciden no centro de atención diúrna que COGAMI ten en Medelo (Silleda) e agora tamén comparten unha vivenda de transición, unha experiencia que lles permite avanzar na súa autonomía e adquirir novas habilidades para a vida independente.
A vivenda, adaptada ás súas necesidades, conta con tres habitacións, cociña, salón, baño e terraza. Para apoiar o proceso, dispoñen de dúas asistentes persoais que lles acompañan cando o precisan, favorecendo a aprendizaxe e a adquisición de habilidades para desenvolverse no día a día.

“Estou aprendendo cousas que antes non sabía, como cociñar e facer postres”, explica Adrián, quen asegura que lle gusta compartir tempo cos seus compañeiros. Antonio recoñece que ao principio estaba nervioso, pero que agora xa está afeito á nova situación: “Vaime valer para o día de mañá, para ser máis independente e axudar aos meus pais”. Pola súa banda, Indira considera a experiencia “moi positiva” porque lle permite ser cada día máis autónoma e asumir responsabilidades no seu día a día.
Os tres forman parte de ConVive Rural, un programa que COGAMI puxo en marcha este ano para promover o dereito á vida independente das persoas con discapacidade que viven en contornas rurais e previr a súa institucionalización.
PUBLICIDADE
A iniciativa, impulsada pola entidade da que COGAMI forma parte, COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), desenvólvese en 52 concellos de seis comunidades autónomas, entre elas Galicia, e aposta por xerar oportunidades para que as persoas con discapacidade poidan desenvolver o seu proxecto de vida no medio rural, contando cos apoios que precisen.
PUBLICIDADE
Ademais de vivendas de transición, o programa combina asistencia persoal, apoio ás familias, formación, tecnoloxías accesibles e accións de dinamización comunitaria. Antes de incorporarse, cada participante realiza unha entrevista individual para coñecer a súa situación, intereses, necesidades e expectativas e determinar os apoios máis axeitados.
ConVive Rural ten unha duración de dous anos e estará en vigor ata decembro de 2027. Enmárcase no Programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza e está cofinanciado pola Unión Europea e Fundación MAPFRE a través da convocatoria Axudas +RURAL 2025.









Comentarios