top of page

"Trash!" enche Merza de ritmo, humor e emoción no XX Festival Internacional de Percusión

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

A parroquia de Merza converteuse onte nun auténtico escenario internacional coa representación de Trash!, o vibrante espectáculo da compañía Toompak, producido polo prestixioso selo teatral Yllana. No marco do XX Festival Internacional de Percusión (FIP), centos de persoas reuníronse para gozar dunha proposta escénica que mestura percusión, teatro visual, humor e moita enerxía.

Ao longo de máis dunha hora, os artistas conseguiron cautivar ao público empregando unicamente obxectos reciclados como instrumentos musicais: bidóns, paraugas, latas,  botellas de plástico e ata balóns de baloncesto convertéronse en ferramentas para crear unha banda sonora chea de ritmo e creatividade. A ausencia de diálogo falado non foi impedimento para conectar co público de todas as idades, grazas a unha posta en escena trepidante, chea de gags cómicos, xogos de luces e interacción constante cos asistentes.


O espectáculo destacou pola súa orixinalidade e polo talento dos intérpretes, capaces de manter un ritmo vertixinoso, improvisar e integrar o público nunha experiencia escénica única. Entre os momentos máis celebrados estivo o final, no que as botellas e baquetas cobraron protagonismo nun número de enorme potencia sonora e visual.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Mais a función deste luns tivo tamén un compoñente especial e emotivo: no tramo final do espectáculo, os membros do grupo galego Odaiko subiron ao escenario para compartir cos artistas de Trash! unha peza conxunta que encandilou ao público. Unha maneira simbólica e emocionante de render homenaxe aos vinte anos de traxectoria do FIP, un festival que converteu Merza nun referente internacional da percusión e das artes escénicas contemporáneas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Trash! deixou claro por que é unha das propostas máis celebradas da escena actual: unha auténtica explosión de humor, ritmo e creatividade con mensaxe ambiental e vocación universal. Unha noite inesquecible nun escenario rural que volveu demostrar a forza da cultura compartida.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page