top of page

Todo vale “ata que gañen”

Alba Forno, Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Lalín, escribe un artigo de opinión onde dá todo o apoio a Pedro Sánchez


Ecos da Comarca/Lalín

Alba Forno, Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Lalín, envíanos o seguinte artigo de opinión.


ARTIGO DE OPINIÓN

Todo vale “ata que gañen”


"Temos unha dereita capaz de todo con tal de permanecer ou de volver ao poder. Un poder que pensan que lles corresponde a pesar de que as urnas digan o contrario. Non teñen convencemento democrático e iso lévalles a actuar así.


En Galicia sabemos ben o que comporta o “matonismo” do PP de Feijóo.  Basta con lembrar a campaña das autonómicas de 2009 contra o bipartito. Para moitos esa foi a primeira campaña dos bulos e a desinformación. Podemos recordar tamén o proceso contra Besteiro, que o mantivo fóra da política sete anos a causa dunha denuncia falsa e sen fundamento de Elena Candia, que agora é premiada coa vicepresidencia da Xunta.


Lalín non foi unha excepción. O PP de Crespo fixo irrespirable o ambiente político local durante os seus 4 anos na oposición. O acoso e o bloqueo ao goberno cadripartito presidido por Cuíña foi constante. Nin ápice de construtividade. Nin a máis mínima intención de buscar o consenso polo ben de Lalín. Ou Crespo ou o caos.


Non dubidaron en influír na Xunta para atrasar proxectos coma o CIS. Tampouco en apoiarse nun tránsfuga que insultaba e sinalaba publicamente a empresas, a xornalistas ou a calquera veciño ou veciña que simpatizase co equipo de goberno e que acabou sendo condenado por inxurias.


Por suposto, todas e todos lembramos as denuncias do PP e Crespo contra concelleiros. Denuncias que fixeron moito dano e que quedaron en nada. A difamación permanente no ámbito persoal e familiar... O seu esforzo por sementar a dúbida sen importarlle o sufrimento de quen antes é persoa ca político.


O Partido Popular volveu á Alcaldía, pero os seus insultos e faltas de respeto á oposición, especialmente aos socialistas, seguen. Non por ser quen somos, senón por defender unhas ideas opostas ás súas.


Publicidade

Estamos nun momento de cambio e necesitamos gobernos serios e responsables. Hoxe, España é exemplo para o mundo, as súas políticas marcan o paso en Europa. Diante, a nada, o balbordo, a necidade, o ruído.


Por todo isto, eu hoxe estou máis ca nunca do lado da democracia e do diálogo. Do lado da xente. Da xente boa e firme, do lado bo da historia. Eu hoxe, máis ca nunca,  estou con Pedro Sánchez. Ánimo presidente. Nin un paso atrás".



Alba Forno, Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Lalín.


Este sábado os militantes socialistas de Lalín e doutras partes da comarca tiveron un encontro na sede da Agrupación local en apoio ao presidente, Pedro Sánchez. A secretaria xeral, Alba Forno, explicou que, "aínda que unha parte da militancia se desprazou a Madrid, os que quedamos aquí quixemos mostrar o noso apoio ao presidente e, sobre todo, reivindicar os valores democráticos fronte a estratexia da persecución, o acoso persoal e o odio da dereita e da extrema dereita".



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page