Teresa Míguez gaña a IV edición do concurso «Muller Rural de Onte e Hoxe» de Rodeiro
Laura Moure/Rodeiro
O concurso de fotografía «Muller Rural de Onte e Hoxe» xa ten imaxe gañadora na súa cuarta edición. Teresa Míguez foi a autora da proposta seleccionada, titulada «A mesma raíz, novas follas», unha creación que establece un diálogo entre o pasado e o presente para recoñecer o papel das mulleres no rural e poñer en valor a evolución da sociedade ao longo das últimas décadas. A obra gañadora será a imaxe do cartel desta edición e estará exposta no Centro Cultural Manuel Lamazares de Rodeiro

A iniciativa convidaba as persoas participantes a recuperar unha fotografía antiga e recreala na actualidade, establecendo unha conexión visual entre dúas épocas. Unha proposta que combina memoria, creatividade e identidade colectiva, co obxectivo de rescatar e preservar as historias das mulleres rurais, recoñecendo o seu legado e a súa contribución á sociedade.
A fotografía gañadora establece esa conexión entre 1965 e 2026, máis de seis décadas de transformacións representadas nunha mesma imaxe. O título, «A mesma raíz, novas follas», sintetiza o espírito do certame: a continuidade das raíces e da memoria das xeracións anteriores, xunto cos cambios, avances e novas oportunidades que definen a realidade das mulleres de hoxe.
PUBLICIDADE

A entrega da obra gañadora contou coa participación de Patricia Hermida, concelleira de Igualdade; Xulia Dacal, concelleira de Cultura; e Alberte Lamazares, tenente de alcalde.
Durante o acto, Patricia Hermida destacou a importancia de iniciativas coma esta para visibilizar o papel das mulleres rurais e recoñecer o seu protagonismo na historia e na construción da sociedade actual, incidindo na necesidade de seguir promovendo espazos que contribúan á igualdade e á recuperación da memoria colectiva.
Pola súa banda, Xulia Dacal puxo en valor a fotografía como ferramenta para preservar o patrimonio inmaterial e transmitir a memoria entre xeracións, salientando a capacidade da cultura para recuperar historias e achegalas á cidadanía desde novas perspectivas.
Alberte Lamazares destacou a importancia de manter viva a memoria do rural e recoñecer o traballo e as vivencias das mulleres que contribuíron a construír a identidade do municipio, así como a necesidade de continuar impulsando propostas que poñan en valor a súa historia e a súa realidade presente.
PUBLICIDADE
Con esta cuarta edición, o concurso «Muller Rural de Onte e Hoxe» reafirma o compromiso municipal coa igualdade, a cultura e a recuperación da memoria colectiva, empregando a creación artística como ponte entre xeracións e como medio para recoñecer o papel fundamental das mulleres no desenvolvemento do rural.








Comentarios