top of page

O pobo da coalición

hace 2 minutos
3 min de lectura

Artigo de opinión de Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín sobre o plebiscito de mañá


Antón Branco /Lalín


ARTIGO DE OPINIÓN


O pobo da coalición


Un día estaba eu comendo nun sitio e, mentres rillaba na carne, puxen a orella para escoitar unha conversa: «Ti, que moito falas do Sánchez, a ver que dis agora que che soltou non sei cantos euros máis ao mes». A outra persoa sacou un billete, achegouno á fonte de ensalada, colleu o chisqueiro e prendeulle lume ao papel alí mesmo. Os dereitos acadados e as melloras conseguidas tamén están para queimalos; é unha das consecuencias máis graciosas e interesantes da democracia. Gobérnase para todo o mundo, para os teus, para os seus e para os de máis alá, e se se lle pode facer a vida máis sinxela a unha sociedade, sen perder pé na realidade e nas responsabilidades, mellor que mellor.

Antón Branco.
Antón Branco.

Hai xa uns cantos anos escoitei esta expresión que me gustou bastante e que sempre repito: pobo da coalición. Tres palabras que engloban a todas aquelas persoas que, dende diferentes sensibilidades, apoian, en maior ou menor medida, a quen leva comandando este país nos últimos anos. Non conflúen nun só partido, senón nun conxunto deles, ás veces difíciles de xuntar baixo un mesmo fin, que navegan este mar de

incerteza con decisión e acerto. Non recordo momento na historia recente no que, dende comunistas ou mesmo anarquistas, pasando por socialdemócratas, liberais e ata nacionalistas, puidesen sentirse representados por algunha que outra medida das que se tomaron nestas lexislaturas, incluso por moitas se a persoa non opta polo camiño maximalista. A lista é ben grande.

 PUBLICIDADE


Primeiramente, debemos cirtar os logros máis vencellados ao progresismo, aqueles que amplian dereitos e liberdades, así como coberturas sociais: a subida das pensións e do SMI, a creación do IMV (Ingreso Mínimo Vital), a lei de garantía da liberdade sexual, a lei trans, a da regulación da eutanasia, a da memoria democrática, a do benestar animal… Son moitas máis, algunhas amplas e outras engadidas ás xa existentes. Tamén podemos falar de xestión ante o inesperado: o volcán da Palma, unha pandemia, a DANA, numerosos ataques híbridos (algúns televisados e outros non), as consecuencias da invasión rusa, da guerra dos EUA con Irán, do xenocidio en Gaza, etc. Malia todo isto, España non só mantivo o tipo, senón que se converteu nun referente internacional. Figuras como Albares, Cuerpo, Ribera, Díaz ou o mesmo o presidente tomaron a iniciativa ante as agresións de potencias estranxeiras e lideraron medidas como os ERTE, a excepción ibérica, o fondo España Crece ou unha exitosa reforma laboral. Mentres tanto, foron moitos os investimentos: industria, enerxía, infraestruturas, defensa… É certo que os números macro non chegan a todos, mais o contexto mundial é complexo, e de ser un dos PIGS hai menos de 15 anos a ser referencia da UE no mundo hai un treito ben longo, recurtado a base de traballo.


Todos estes bos resultados tamén chegaron a Lalín, a actual situación de bonanza ten que ver, entre outros, coa existencia dun goberno de coalición que incrementou partidas que permitiron que o noso concello vaia cara arriba, dende os fondos europeos Next Generation ao incremento das inversións en materia de seguridade e defensa, pasando polas xa comentadas subidas do SMI e das pensións. É moi fácil gastar fondos públicos cando sobran, o difícil será ver se se aproveitaron con sentido.


Tamén nestes anos fomos vendo como a parte conservadora do espectro ideolóxico foi quedando desamparada: os partidos que antes a representaban botáronse ao monte, inspirados polas victorias internacionais de ideas regresivas que souberon atopar o momento e o lugar, así como o carto, que sempre axuda. Chega con botarlle un ollo a países como os EUA ou Rusia para ver como o fanatismo degrada un Estado, empobrece á súa xente e desequilibra o mundo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Chegados a este punto recae en nós escoller unha senda. Será válida a que saia, pero debemos ser conscientes das consecuencias dunha ou da outra. Dende logo, eu teño claro por onde imos ben. Vivir é así, un ir tirando, gañando confianza e aprendendo daquilo que saíu mal para que, no futuro, saia ben. Son poucas as pegas que lle podo poñer a este goberno de coalición; non nos afoguemos na fochanca dos fracasos, porque enchemos un océano de éxitos no que nadar en calma. Volven a min as palabras do gran trovador cubano: «Soy del pueblo, pueblo soy, y adonde me lleve el pueblo voy».

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page