"Taboada anda moi nervioso polos escándalos froito dunha desastrosa xestión municipal", acusa Otero
- ecosdacomarca

- 24 ene 2023
- 3 Min. de lectura
Desmite, segundo el, en varias cuestións ao actual equipo de goberno de Vila de Cruces
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces, a través do seu voceiro, Jesús Otero, quere saír ao paso e contestar ás últimas alusións que o actual goberno municipal de Vila de Cruces fixo sobre este partido da oposición. "Sabemos que o alcalde, Luís Taboada, anda moi nervioso por todos os escándalos froito dunha desastrosa xestión municipal, co que non contábamos e que fosen tan atrevidos como para verter as mentiras, as falacias e as falsidades que veñen de publicar nos medios".

Non é algo novo, sinala, "pois todos os veciños e veciñas, sabemos, que o actual equipo vive instalado na continua mentira e manipulación e xa en anos pasados, vimos como cada vez que o señor alcalde non pode argumentar nin discutir nada, acude ao famoso e suposto aforro económico do seu goberno con respecto a outros. En primeiro lugar, deben saber que un equipo de goberno é caro ou barato en función dos seus logros e xestións para os veciños. Ao respecto disto, podemos afirmar que o actual goberno é moi caro para todo o municipio posto que como puxemos en coñecemento dos veciños, este perdeu máis de 6 millóns de euros en inversións doutras administracións por non saber xestionar os recursos públicos. É un goberno tan claro que nin sequera lle enviou á Xunta de Galicia a proposta das aldeas para as que solicitaban cobertura de liña 5G, perdendo esta inversión importantísima para todos os estudantes do rural", acusan os populares.
En segundo lugar, en relación a que o rexedor di que “non cobra”, o PP subliña que "non sabemos cal é exactamente o motivo, se é por tema de xubilación ou algunha invalidez absoluta que o impida exercer ante unha administración pública. Ademais, a súa corporación, debemos recordar que tiña tres dedicacións exclusivas que se quedaron en dúas porque a concelleira do PSOE abandonou o goberno. Entendemos, que seguindo a
liña dos funcionarios públicos que renunciaron no seu día, debido ás continuas irregularidades do señor Taboada".
Pero, destaca que "o punto no que se cruzan todos os límites é, nas informacións maliciosas que se fan comparando os soldos do posto de arquitecto. Sería bo, para o asesor do señor Taboada, que fose correctamente informado das cousas antes de escribir para así non dar a nota en cada publicación que fai. En primeiro lugar, cabe destacar, que a arquitecta que estaba anteriormente foi seleccionada logo de superar un proceso selectivo público, non como a actual, que foi contratada a dedo por Luís Taboada. Esta diferenza non é unha diferenza menor, pois por exemplo, os informes realizados pola actual asesora de Alcaldía non teñen validez algunha diante doutra administración pública dado que non son informes e traballos realizados por persoal funcionario municipal, como así o corroboran os informes de Secretaría".
Por se isto fose pouco, recalca en segundo lugar, "debemos sinalar que a anterior traballadora, funcionaria, tiña un soldo de 1.700 euros cunha xornada completa como a de calquera outro traballador. Agora, sorpresa, temos unha amiga do alcalde cobrando 1.815 euros a través dunha sociedade por unha xornada de traballo dunhas 8 horas semanais, dúas medias mañáns á semana, e facturando á parte diversos traballos que fai. Agora, sigan explicándonos cal é máis cara para os veciños e, por encima, realizando documentos sen ningunha validez diante das administracións".
En terceiro lugar, apunta que "o proceso selectivo desta traballadora foi recurrido polo colexio de aparelladores por un simple tema administrativo referente á redacción das bases, pois este colexio, non coincidía en criterio co dos altos funcionarios municipais, quen entendían que as bases se axustaban á legalidade e ao dereito municipal. En cuarto lugar, Luís Taboada, non despideu a ninguén, foi a propia traballadora, unha gran profesional, quen logo de aprobar unhas oposicións públicas á ensinanza se marchou ela cansada das continuas coaccións e desprezos do señor Taboada. Dende o Partido Popular, entendemos que o actual goberno non ten como defenderse das continuas irregularidades, pero o que non imos consentir e que sigan vertendo mentiras e faltándolle aos profesionais que serviron a Vila de Cruces e a todos os veciños con mentiras e falacias tan grandes".
Finalmente, aporta estes datos " que invitan á reflexión":
- "No ano 2019 o Partido Popular tiña un presuposto aprobado de 4.760.542,53 euros e,
despois de tres anos, o presuposto do actual goberno cifra en 4.237.000,00 euros para o ano 2023".
- "En Inversións, no ano 2019 o Partido Popular destinou 1.392.729,49 euros para facer
infraestruturas no término municipal e o actual goberno ten para o ano 2023 unha cantidade de 477.174,44 euros".
"Con isto, o seu aforro supón un retroceso para Vila de Cruces, sendo o único concello
da comarca onde disminúen os orzamentos. Seguindo esta traxectoria, que futuro lle espera a Vila de Cruces?", pregúntase Otero.







Comentarios