Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, instou á Xunta no mes de marzo, a tomar as medidas necesarias para que a empresa concesionaria do encoro de Portodemouros, situado no curso do Ulla entre os concellos de Vila de Cruces, Santiso e Arzúa "cumpra coas súas obrigas con respecto ás condicións que se deben dar para realizar un servizo óptimo para as instalacións que comunican as parroquias de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso), posto que o ferri avariábase causando problemas nos
desprazamentos entre estas dúas vilas". Agora o mandatario agradece a Naturgy que dotase de iluminación este servizo.

O Concello cruceño lembra que hai un ano "solicitouse a modificación do ancho actual das ramplas de acceso á embarcación, e que considerou non debería ser inferior a 13 metros en toda a lonxitude. Tamén pedimos a dotación dunha nova barcaza con capacidade como mínimo para 20 toneladas de carga e un espazo de 13 metros de longo, algo que nestes momentos se ve como o máis lóxico despois de máis de 40 anos de antigüidade que ten a actual, e que nos últimos tempos está tendo avarías que supoñen semanas enteiras sen o servizo".
Despois de estas peticións "que seguen pendentes", Taboada falou coa empresa Naturgy directamente, para trasladarllas de novo e tamén a necesidade de que se instalaran luminarias que ofreceran seguridade nos accesos á barcaza cando se fai de noite, xa que non existe ningún tipo de iluminación agás as propias da barcaza e dos vehículos.
Naturgy escoitou as peticións do alcalde Luis Taboada e nestes momentos a empresa está instalando máis de dúas decenas de postes para dotar de iluminación estas instalacións, algo que dará máis seguridade e facilidades para a súa utilización en horas nocturnas
O rexedor agradece esta boa actuación da empresas Naturgy, e pola súa banda cre que "é moi necesario para completar a seguridade desta instalación agora que vai dispoñer de iluminación tería que complementarse coa colocación de vallas de seguridade en toda a contorna", e volve a instar á Xunta de Galicia para que "medie novamente e transmita a necesidade de adaptar este servizo a un novo século e a un novo milenio despois de 40 anos aportando solucións o problema".
Comments