Susana Tato será a candidata do BNG á Alcaldía de Agolada "para gobernar unha Agolada con futuro"
“Preséntome cun equipo excelente de xente. O BNG vai devolverlle o Concello aos veciños e veciñas”, subliña
Ecos da Comarca/Agolada
O grupo local do BNG de Agolada aprobou por unanimidade a candidatura de Susana Tato Pampín coma candidata á Alcaldía de Agolada. A candidata nacionalista é do lugar de Cristín na parroquia de Borraxeiros, onde vive, e o seu compromiso con Agolada levouna a encabezar a lista do BNG ás vindeiras eleccións municipais.
Susana Tato tén 50 anos, é diplomada en Relacións Laborais, técnico especialista en Dereito Laboral Procesal e en Contabilidade Financieira e Fiscal de PEMES e autónomos con ampla experiencia laboral en diversas institucións públicas e privadas. Actualmente é Socia-directora dunha Asesoría de Empresas situada na nosa comarca.

Diante das vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, o BNG aposta por un proxecto co que construír unha Agolada próspera, desenvolvida, plural, solidaria, e que garanta o benestar e a calidade de vida de todos os veciños e veciñas. s nacionalistas de Agolada estamos convencidos de que é posible cambiar de rumbo o noso Concello e traballamos e traballaremos arreo para facer realidade un pobo do que todos e todas nos podamos sentir orgullosos.
“Hai camiño e hai que andalo”, asegura a candidata á Alcaldía, “e traballaremos polo
entendemento entre todas e todos para facer unha Agolada mellor”. O BNG é a única alternativa posible para “abrir un tempo novo no que Agolada debe dar un salto cara arriba e contar con proxectos de futuro que a fagan despegar”. Temos que deixar atrás a política municipal de revanchas e reválidas que non beneficia en nada ao futuro do noso pobo nin ao benestar da nosa veciñanza.
"Proxecto gañador"
Susana Tato destaca que “temos un proxecto propio, alternativo e distinto de como funcionaron os gobernos anteriores deixándonos sistemáticamente uns e outros débedas, crispación, autoritarismo, malos modos e enfrontamentos”. Por iso o BNG de Agolada deixa claro que “nós non imos ser comparsa nin muleta de ninguén. Presentámonos para xestionar ben o concello e devolverllo á xente, e sabemos como facelo”.
O BNG ten claro que Agolada ten que superar esta situación de división na que está
inmersa dende fai anos. “Todos somos necesarios, todos temos que axudar e queremos contar con todo o mundo, tódalas ideas son boas sempre que queiran mellorar o noso concello”, afirma a candidata. Susana Tato deixa claro que “eu vou contar con todos e con todas. Hai que superar o enfrontamento guerracivilista que se está a vivir en Agolada. Unha guerra de bandos que non nos leva a ningún sitio, tan só a pelexas estériles que non aportan nada á nosa veciñanza”.
"O BNG é o futuro de Agolada"
O BNG aposta polo futuro de Agolada. Consideramos que este concello "tén que ser algo máis que cemento e chapapoten. Imos garantir un rural vivo no económico e no social, sustentable no ambiental e con servizos públicos de calidade que fagan mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas". "Temos claro no BNG que un goberno municipal debe ser quén de facer algo máis do que se fixo nestes anos no noso pobo. Un bo goberno municipal fai novas infraestruturas para as parroquias, máis e mellores servizos sociais para as veciñas e veciños, concentracións parcelarias para as terras agrícolas e os montes, actividades culturais e de ocio que dinamicen a vida local, fomento do emprego e a actividade económica, melloras para o patrimonio e o medio ambiente. Por este camiño imos traballar dende o BNG de Agolada cun proxecto alternativo, unitario e que ten coma meta fundamental convertir a Agolada nun concello digno onde vivir, tendo como base a ética e a transparencia nas actuacións públicas".
"Temos ben engraxado un proxecto de futuro para Agolada. Coñecemos ao dediño ata a última ferida que deixan o gobernos neglixentes que houbo en Agolada. Imos poñer alma, corazón e cerebro para curar Agolada”, asegura Tato, destacando que ata de agora os gobernos locais amosaron que non saben xestionar as necesidades da xente de Agolada. Por iso o BNG sabe que “é o momento de cambiar. Agolada ten futuro, un futuro de todos e todas unidos para procurar o benestar común do noso pobo”.









Comentarios