Susana Cea presenta a súa dimisión como presidenta da Agrupación de Protección Civil de Cruces
- ecosdacomarca

- 15 dic 2022
- 3 Min. de lectura
O equipo de goberno agradece o seu traballo e o BNG amósalle o seu apoio aos voluntarios e esíxelle aclaracións ao executivo local
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A última hora do día de onte Susana Cea presentou no rexisto do Concello de Vila de Cruces a súa dimisión como presidenta da Agrupación de Protección Civil da localidade, un cargo que ostentaba desde o seu regreso ao funcionamento no ano 2020, tal e como informa nun comunicado o Concello.
O tenente de alcalde e edil de Cultura, Julio López, quere notificar con este escrito, a decisión que tomou Cea e agradece persoalmente e en nome do grupo de gobenro "o traballo realizado por Susana ata o momento, entendendo as súas razóns de saúde para deixar de ser presidenta".

Pola súa banda, o alcalde, Luis Taboada, afirma que desde o Concello "apoiouse a esta agrupación dentro das posibilidades, unha agrupación que non entende de cores políticas, senón de traballo diario e voluntario". Así mesmo, López engade que "cando lle propuxeron reactivar este servizo estiveron sempre apoiando á presidenta e ás súas xestións como non pode ser doutra maneira, e por suposto, continuarán co mesmo apoio ao novo presidente ou presidenta que teña que dirixir a agrupación".
López, ademais, puxo o tema en mans de asesores xurídicos do Concello, os cales xa están traballando para solucionar esta cuestión canto antes e reitera que "o Concello sempre apoiou este servizo e continuaremos facéndoo" e agarda que en breve se poida anunciar que a agrupación conta novamente cunha "base sólida".
Pola súa banda, o BNG do municipio amosa o seu apoio e compromiso co voluntariado de Protección Civil. "Esixiremos aclaracións ao grupo de goberno tras as declaracións públicas do grupo de voluntarios que piden transparencia na xestión e organización da agrupación de Protección Civil", sinalan os nacionalistas.
"O BNG somos coñecedores de que o grupo de voluntariado, que fixo pública a situación que está a vivir a agrupación, teñen unha soa intención que non é outra máis, que o servizo de Protección Civil funcione correctamente. Mais para que isto funcione é preciso implicación por parte de alcaldía e a concellaría correspondente, en lugar de escorrer o bulto", recalca. "Para isto é fundamental que se aclaren as cuestións ás que o grupo de voluntariado fai alusión, como así nos trasmitiron".
Preguntas
Así mesmo, adiante que o BNG presentou as seguintes preguntas no rexistro municipal: "Quen conforma a directiva actual da agrupación? Quen manexa e como está o estado corrente da conta bancaria, porque e como se lle retirou acceso a esa conta a persoas que estaban autorizadas, se non houbo asamblea para acordar ese punto? Quen é a persoa que xestiona os operativos, hai existencia documental da renuncia ao cargo da actual presidencia da agrupación? Onde se atopan as actas de altas e baixas, así como os requisitos para poder formar parte do voluntariado? Quen é a persoa encargada de aceptar ou denegar o ingreso na formación? Cal é a axuda que proporciona o goberno para a dotación de uniformes e material da agrupación?".
"O BNG queremos que se solucione está situación, xa que a labor que no 2020 quixo recuperar este grupo de persoas de xeito altruista, é en moitos casos vital. Por iso dende o BNG pedimos as explicacións oportunas e que se facilite unha nova asamblea para reconstituir a directiva".







Comentarios