Stop Macrogranxas Agolada alerta dos riscos da explotación de 365.400 galiñas
A recén creada plataforma veciñal recalca que “non estamos en contra de todo” e defende as actividades compatibles cun rural habitable
Ecos da Comarca/Agolada
A Plataforma Veciñal Stop Macrogranxas Agolada alerta dos posibles efectos ambientais e sobre a saúde humana da nova explotación avícola, de 365.400 galiñas poñedoras, de Leira Nova promovida por Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. no municipio. Segundo os datos recollidos no estudo de impacto ambiental da empresa, a instalación consumiría 65.845 metros cúbicos de auga ao ano, o equivalente a uns 180.397 litros diarios. "Consumiría tanta auga como 1.400 persoas". Ademais sinala que podería xerar impactos sobre os acuíferos, ademais de cheiros e ruídos que afectarían a poboación próxima. A iniciativa empresarial atópase en fase de información pública, co expediente 2026-IPPC-I-32, ata o vindeiro 10 de novembro. A plataforma xa está a recoller alegacións contra o proxecto e chama a participar á veciñanza. Aproveitará a feira do 12 de mañá na localidade agoladesa para informar e recoller alegacións.
Máis de 180.000 litros de auga ao día
Un dos principais motivos de preocupación para o colectivo é o consumo de auga previsto. O estudo de impacto ambiental (EsIA) da promotora calcula un consumo de 65.845 m³ de auga ao ano, que equivalen a 180.397 litros diarios e recoñece que podería producirse un impacto sobre os niveis dos acuíferos subterráneos.
Con base no consumo doméstico medio en Galicia —128 litros por persoa e día en 2022, último dato do indicador da Xunta—, esa cantidade equivale a un incremento da poboación de 1.409 persoas, máis do 60% da poboación de Agolada, que o propio EsIA cifra en 2.282 habitantes.
PUBLICIDADE
"No proxecto recoñécese expresamente que se podería producir un impacto sobre os niveis dos acuíferos pola utilización dos sondeos para a extracción da auga. A Xunta declarou o 24 de setembro de 2026 a situación de seca prolongada no sistema Ulla-Tambre, no que figura Agolada". A plataforma sostén que, nun contexto de cambio climático, non procede destinar un recurso tan escaso e valioso para as persoas que viven no territorio a unha produción industrial deste tipo e magnitude.
Máis de 20 toneladas de excrementos diarios
A plataforma tamén pon o foco no volume de residuos e no movemento de vehículos que implicaría a actividade. Segundo os datos do proxecto, a explotación xeraría 20.802 quilos de excrementos ao día, uns 7.593 toneladas anuais, e necesitaría diariamente 40.554 quilos de penso e 140.622 quilos de palla.
As instalacións ocuparían 14.116,80 metros cadrados construídos. A documentación contempla, ademais, a xeración de 14.616 quilos de cadáveres e 780.000 litros de augas residuais ao ano.
A partir destas cifras, a plataforma calcula que o transporte de insumos e residuos podería supoñer uns 3.000 camións anuais (de 25 toneladas), aos que habería que sumar os vehículos destinados ao traslado de ovos e galiñas. O colectivo cuestiona tamén que a documentación do proxecto indica que a galiñaza se transportará «preferentemente por el exterior» dos núcleos urbanos, salvo que se use un sistema suficientemente estanco e inodoro [5]. Considera que esa afirmación está baleira de contido, posto que non garante en absoluto que os camións eviten as aldeas nin o núcleo de Agolada.
Cheiro intenso e impactos acumulativos e sinérxicos sobre a saúde
Outro dos argumentos esgrimidos por Stop Macrogranxas Agolada son as emisións á atmosfera previstas pola xestión do esterco que "son de 134.139 kg de amoníaco anuais. O propio proxecto describe este gas como de olor moi forte e acre, que en concentracións moi altas pode irritar os ollos e as mucosas de persoas e animais, e que acidifica o solo e as augas".

Segundo a documentación da promotora, e tal e como apunta o colectivo, "as naves quedarían a 500 metros da aldea de Couso, a 700 da de Romariz e a 1.100 metros do núcleo de Agolada. Nese núcleo están o colexio, o centro de saúde e Os Pendellos, conxunto histórico-artístico do século XVIII declarado Ben de Interese Cultural, emblema da vila e sede da Feira de Artesanía que organiza a Xunta".
Así mesmo, apunta que o propio EsIA recoñece "impactos acumulativos e sinérxicos sobre a saúde humana pola exposición a cheiros e ruídos". A plataforma sostén que ningunha medida correctora pode facer compatible cos usos escolar, sanitario e residencial dos núcleos unha fonte de emisións desta magnitude, e invoca o principio de precaución para non expor de forma continuada á poboación a estes riscos sanitarios.
"Non estamos en contra de todo"
A plataforma explica que a inmensa maioría das empresas asentadas en Agolada e na comarca de Deza non atoparon oposición social aos seus proxectos, e que apoian e defenden actividades como a gandaría extensiva, o turismo rural e calquera outra compatible cun rural habitado e habitable. Mesmo proxectos de gandaría intensiva de envergadura, como granxas de cerca de 2.000 porcos—a partir de 2.000 entran na categoría de macrogranxa—, instaláronse sen protestas, mentres que noutros lugares, como Vilalvite (Friol), a veciñanza acordou levar á xustiza un proxecto porcino duns 1.900 animais.
Indica que este macroproxecto súmase a outros xa autorizados ou en tramitación nos últimos dous anos que xeran efectos acumulativos sobre o territorio, como as granxas intensivas de 980 porcos en Trabancas, 1.990 porcos e 80.788 galiñas poñedoras en Axiaz (Ventosa), ou 1.322 porcos e 40.114 polos en Amance (Eidián).
PUBLICIDADE
"Ata os que nacemos nesta terra teremos que marchar"
A plataforma lembra que hai persoas que cambiaron de residencia dende outras comunidades e mesmo dende doutros países europeos para vivir na Terra do Medio, en busca de natureza, paisaxe, tranquilidade e aire limpo; non de cheiros, camións e contaminación. "Con estes macroproxectos destrutivos, quen vai querer vivir aquí? Ata os que nacemos nesta terra teremos que marchar ou non poderemos voltar a ela", lamentan.
"Biometano: unha falsa solución"
As plataformas Stop Biometano Agolada-Deza e Stop Macrogranxas rexeitan "que se autoricen e incentiven (con subvencións) explotacións intensivas, que favorecen o exceso de xurros e esterco e despois se propoñan como falsa solución macroplantas de biometano, nas que se engaden aos xurros lodos de depuradoras industriais e urbanas".
Dito doutro xeito, primeiro foméntase un exceso de excrementos e para solucionalo tráense aída máis residuos, que non desaparecen por arte de maxia nos dixestores. Veolia, empresa relevante no sector do biometano, recoñece nun artigo publicado en Retema o 10 de outubro de 2024 que esta tecnoloxía: non elimina os residuos, só transforma en biogás unha pequena parte (aproximadamente un 5%) e o 95% restante queda como dixestato; e “enfróntase a problemáticas moi similares ás dos xurros” porque os nutrintes (nitratos) non se reducen".
As plataformas remiten ademais a un estudo de 2021 publicado na revista Environmental Justice por un equipo do Socially Responsible Agriculture Project. O traballo sinala que unha parte desproporcionada das macrogranxas dos Estados Unidos se sitúa en zonas de baixos ingresos e de poboación racializada, e advirte de que o biogás pode agravar esa inxustiza ambiental.
Cren que Agolada corre o risco de converterse nunha terra de sacrificio e afirman que "moitas persoas de Agolada non estamos dispostas a que nos traten como cidadanía de terceira. Por iso preparamos alegacións a este proxecto, que xa asinaron numerosas persoas veciñas e seguiremos loitando contra esta invasión de proxectos perniciosos para a contorna rural e a maioría dos seus habitantes", conclúen.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A Xunta tramita o proxecto dunha granxa de 365.500 galiñas poñedoras en Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-tramita-o-proxecto-dunha-granxa-de-365-500-gali%C3%B1as-po%C3%B1edoras-en-agolada
O Sindicato Labrego Galego alegará contra a macrogranxa de 365.500 galiñas de Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-sindicato-labrego-galego-alegar%C3%A1-contra-a-macrogranxa-de-365-500-gali%C3%B1as-de-agolada
O BNG de Agolada alerta do impacto da explotación de 365.500 galiñas e reclama unha avaliación: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-agolada-alerta-do-impacto-da-explotaci%C3%B3n-de-365-500-gali%C3%B1as-e-reclama-unha-avaliaci%C3%B3n









Comentarios