top of page

A Xunta inclúe as antigas minas de Fontao de Cruces no concurso de dereitos mineiros en Galicia

hace 3 minutos
2 min de lectura

Ecoloxistas en Acción anuncia accións xudiciais contra os concursos


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Ecoloxistas en Acción denuncia que a Xunta de Galicia acaba de sacar a concurso 153 dereitos mineiros que afectan a 206.366,89 hectáreas, aproximadamente o 7% do territorio galego, repartidos entre 70 concellos das catro provincias. Trátase de 126 permisos de investigación e 27 concesións de explotación. Entre os dereitos que a Xunta pretende poñer novamente en explotación están San Finx (Lousame), Varilongo (Santa Comba) e Corcoesto (Coristanco), mentres que os antigos dereitos das minas de Fontao (Vila de Cruces) aparecen incluídos entre os permisos de investigación.

Foto de arquivo dunha explotación mineira.
Foto de arquivo dunha explotación mineira.

Para Ecoloxistas en Acción, esta operación supón un “acto de destrucción masiva”, poñendo á disposición de empresas extractivas vastas zonas de Galicia. Denuncian a ilegalidade das convocatorias, unha vez que se fixeron sen contar previamente cunha planificación sectorial sometida á correspondente avaliación ambiental estratéxica.


A organización considera que a Xunta está empregando a vía dos concursos para evitar unha avaliación global dos efectos acumulativos que terá a expansión da actividade mineira sobre o territorio. "O Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAE), que debería establecer as directrices para a ordenación da actividade mineira, continúa sen aprobarse, logo de que en 2013 a Xunta paralizase a súa tramitación sen máis explicacións", sinala.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"A Xunta pretende decidir agora, a través de centos de expedientes individuais, onde se poderán abrir minas en Galiza, sen aprobar antes o instrumento de planificación preceptivo que debería ordenar o conxunto da actividade", denuncia Isabel García, coordinadora da área minaría de Ecoloxistas en Acción.


Accións xudiciais

A organización anuncia que emprenderá accións xudiciais contra os concursos, tanto de xeito individual para os proxectos de San Finx, Corcoesto e Varilongo, como para as convocatorias no seu conxunto.


En casos como o de San Finx, Ecoloxistas en Acción alerta que "a declaración de caducidade foi outorgada ilegalmente e que, de feito, existen tres procedementos contencioso-administrativos pendentes no Tribunal Superior de Xustiza por este acordo". Por iso, considera totalmente ilóxico licitar dereitos mineiros sobre os que penden litixios que poderán invalidar calquera adxudicación.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

"A decisión de declarar caducados e francos os terreos e sacalos novamente a concurso sen executar previamente a restauración é ilegal, unha vez que a lexislación básica estatal establece a necesidade de executar o plan de restauración correspondente antes de autorizar a caducidade ou o cesamento dos labores mineiros. En San Finx son especialmente problemáticas as presas de residuos contruidas sobre o cauce e as máis de 170 labores e cavidades mineiras espalladas polas concesións", sinala.


Ecoloxistas en Acción reclama á Xunta que paralice os concursos, aprobe previamente unha planificación mineira sometida a avaliación ambiental estratéxica e participación pública e garanta a restauración dos espazos afectados antes de promover novas explotacións. "Non se pode planificar a minaría a golpe de concurso. É necesario que a cidadanía teña voz en relación ao futuro do territorio e garantir que quen contamina paga e restaura", conclúe a organización.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page