Silleda recibe o visto e prace de Patrimonio para retomar a reforma do parque da Igrexa
A actuación terá que adaptarse aos achados e o Concello redactará un proxecto modificado, que deberá contar coa aprobación da Deputación de Pontevedra antes de continuar as obras
Laura Moure/Silleda
A recuperación do parque da Igrexa de Silleda está un pouco máis preto. O Concello vén de recibir o informe arqueolóxico definitivo e a resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, dous documentos fundamentais para poder avanzar nunhas obras que quedaron interrompidas o pasado mes de agosto, tras a aparición de restos humanos no subsolo.
A resolución, emitida este 5 de novembro, dá luz verde á continuidade da actuación, aínda que establece unha serie de condicións para garantir que os enterramentos medievais descubertos permanezan protexidos baixo o futuro parque.
O seguinte paso será adaptar o proxecto inicial a estas esixencias e remitilo novamente á Deputación de Pontevedra para a súa aprobación. Só despois de completar esta tramitación poderán retomarse os traballos.
PUBLICIDADE
"Sabemos que a veciñanza está agardando por este parque e somos os primeiros interesados en que as obras poidan continuar canto antes. A aparición dos restos obrigounos a cambiar os plans, pero agora temos xa dous documentos fundamentais para poder avanzar", explica a alcaldesa, Paula Fernández.
Un parque con herba natural para protexer os restos
A solución para recuperar este espazo público pasa agora por un parque con herba natural, adaptado ás condicións que establece Patrimonio.
A Xunta determina que as sepulturas medievais deberán quedar cubertas cunha capa de xeotéxtil e áridos que garanta a súa conservación. Tamén prohibe a apertura de zapatas de cimentación e establece que o acondicionamento da superficie deberá realizarse mediante achegas de áridos e terra.
A decisión de manter os enterramentos cubertos responde á necesidade de garantir a súa conservación. Deste xeito, os restos permanecerán protexidos baixo terra, evitando a súa exposición á intemperie e aos posibles efectos dos axentes externos. Trátase dunha solución habitual na conservación arqueolóxica, que permite preservar o xacemento sen necesidade de mantelo á vista.

Estas prescricións obrigan a modificar a actuación inicialmente prevista, pero permiten compatibilizar a recuperación do parque coa protección do xacemento, polo que o Concello ten que encargar agora a redacción dun proxecto modificado, que ademáis debe sometelo novamente á aprobación da Deputación de Pontevedra, administración que financia a intervención.
"O que queremos é recuperar canto antes este espazo para a veciñanza, pero facelo ben. Temos que respectar o que apareceu baixo terra e adaptar o proxecto a esa realidade. Agora toca axilizar os trámites que quedan por diante", sinala Fernández.
Unha necrópole medieval e unha posible lauda con inscrición
Máis alá das consecuencias para as obras, o informe arqueolóxico deixa tamén novos datos sobre a historia de Silleda.
Os traballos, dirixidos polo arqueólogo Israel Picón Platas entre o 22 de setembro e o 15 de outubro, permitiron documentar doce sepulturas medievais nunha superficie de 260 metros cadrados. Os enterramentos, datados entre finais do século XII e comezos do XIII, corresponden a oito tumbas delimitadas por laxas de pedra, unha sepultura con cuberta e tres foxas simples.
Todas elas presentan unha orientación de leste a oeste, característica dos enterramentos cristiáns da época.
Pero entre os achados hai un especialmente singular. Na cimentación da ábsida da actual igrexa de Santa Baia localizouse unha posible lauda funeraria con inscrición, que os investigadores consideran que podería estar relacionada co antigo templo románico. A inscrición, aínda pendente dunha interpretación definitiva, podería facer referencia á expresión latina Post Mortem Christi, é dicir, «despois da morte de Cristo».
O descubrimento da necrópole reforza ademais a hipótese de que nas inmediacións da igrexa actual existiu un templo románico anterior. A igrexa que hoxe coñecemos foi construída en 1854, pero a documentación histórica permite remontar a presenza dun edificio relixioso neste lugar moitos séculos atrás.
De feito, o informe recolle unha referencia documental do ano 998 na que xa aparece mencionada unha igrexa baixo a advocación de Santa Baia. Outra referencia, datada en 1199, volve citar o templo, o que permite relacionar os achados cunha historia que se remonta á Silleda medieval.
A intervención tamén permitiu recuperar 1.236 restos óseos do antigo cemiterio contemporáneo, correspondentes a un mínimo de 25 persoas, segundo a análise antropolóxica. Os restos foron enterrados nunha fosa común parroquial.
O estudo recupera igualmente parte da historia máis recente da praza, documentando a construción do parque público en 1983 e unha posterior remodelación en 1989. A necrópole de Santa Baia, o primeiro xacemento arqueolóxico identificado no casco urbano de Silleda, será incorporada ao inventario oficial da Xunta de Galicia.
Recuperar o parque sen esquecer o que hai debaixo
Para a alcaldesa, o reto agora é conseguir que a protección dos restos e a recuperación deste espazo público vaian da man. "Debaixo dun parque polo que pasaron tantas xeracións de silledenses apareceu unha parte da nosa historia que descoñeciamos. É un achado importante e temos a responsabilidade de conservalo, pero tamén de devolverlle á veciñanza un lugar que forma parte da vida cotiá da vila", apunta Paula Fernández.
O Concello confía en que a redacción do proxecto modificado e a súa posterior aprobación pola Deputación permitan retomar as obras coa maior axilidade posible, mantendo a protección dos restos arqueolóxicos como condición fundamental da actuación.
PUBLICIDADE
O Concello traballará para incorporar o xacemento ao PXOM
Desde o Servizo Municipal de Urbanismo tamén se traballará para que este achado quede recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda, aproveitando a modificación puntual número 2, que se atopa actualmente en tramitación.
A necrópole medieval de Santa Baia conta xa co recoñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que dispuxo a súa incorporación ao Inventario de Xacementos Arqueolóxicos de Galicia, coa referencia GA36052167.
O obxectivo do Concello é que esta protección patrimonial teña tamén o seu reflexo no planeamento urbanístico municipal. Para iso, estudarase a súa incorporación á modificación puntual en curso, de acordo coas indicacións de Patrimonio, evitando así ter que iniciar un novo procedemento de modificación do PXOM.
Deste xeito, o Concello pretende que a protección do xacemento non se limite ás obras actuais, senón que quede garantida tamén de cara a futuras actuacións neste ámbito.









Comentarios